Fútbol

Hoxe teño o día inspirado. Debe ser cousa dos paxariños piadores que, nesta casiña do meu contento, meten os seus chifros pola fiestra esta mañá de domingo na que son absolutos protagonistas da paisaxe.
Na rúa non se vé unha alma, e digo eu que será un efecto das paixóns desatadas na noite anterior, e que un modestamente, e desculpen a herexía, séntese incapaz de compartir.
Debo recoñecer que me gusta o fútbol. O caso é que gusta o xogo, pero que o drama forofista abúrreme soberanamente. Na miña humilde opinión, o futbol televisado ben sendo unha especie de pornografía: un sucedáneo incapaz de motivarme. Non son eu, pois, dos que mercan un televisor para ver a final da champions, o que tal vez me coloque nesa categoría de tipos soberbios que sabotean as leis da economía de mercado. Non podo resistirme, en cambio, a comentar as sensacións que me acompañaron onte, día en resultaba case inevitable contemplar o espectáculo. Digo case porque sempre queda a alternativa de viaxar a Timbouctú, por poñer un caso, para escapar do ruído.
A verdade é que perdín o comezo do partido, e unha parte do primeiro tempo seguino pola radio, que se me acordou prender mentres conducía. Cando aparquei, por unha fiestra oíuse unha voz solitaria. Gool.
Gañaba o Atlético, deducín daquela soidade, e un, que con sete anos mercou a camiseta co sete de Ufarte, como que desfrutou con ese regreso á patria. Un regreso efémero, como aquela filia, interrompida por dúas bofetadas dun primo que me dixo, ante semellante sacrilexio: agora es do Real Madrid. Ali debeu nacer a miña teima de ir por libre. Tanto que descubrín que existían outros deportes, e que algún aínda me gustaba máis que o fútbol.
Desculpen esta digresión, que non ten máis finalidade que servir de introducción a miña esperanza de que, nesa teima miña de porme do lado dos pequenos, gañase o Atlético. Esa esperanza comezou a caer cando Simeone sacou a Adrián do campo e o Atlético colleu o mesmo camiño que a esquerda: resistir a toda costa, defendendo o conseguido con uñas e dentes. Estaba xa daquela nun bar, tomándome unha cervexa e ventando a prórroga, rodeado de madridistas comedores de uñas, incapaces de entender como a solidariedade e a complicidade, a furia que nace da determinación podían estar vencendo ao froito da chequera. Aquilo tiña o mesmo destino que a República.
A verdade é que os meus funestos presaxios acabaron por se cumplir, e que estaba bebendo cando unha masa enfebrecida comezou a berrar, brincar e correr polo bar e pola rúa. Acabouse, dixen.
Escuso falar do que sucedeu a seguir.
Xa de volta, o camiño habitual estaba cortado, para que os seguidores do equipo con máis champions puidesen ir facer festa na fonte, baixo a ollada de Dona Concepción Arenal.
O mundo segue o seu curso habitual: os humildes venderán a casa para facer caixa e poder seguir tentando á esperanza, mentres os poderosos continuarán celebrando con naturalidade que disfrutan o de todos.
Por certo, hoxe non había que ir votar? Non sei a vostedes, pero a min isto chéirame a Gatopardo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s