Comodidade

Leo, abducido polo nivel de soberbia que se desprende da noticia, un artigo de El País . A boca énchese de metal, e o peito de carraxe. Resulta inquietante que alguén poida considerar natural arredar das responsabilidades de dirección dun organismo privado a quen non comparte as súas opinións, e máis cando esas opinións sirven de sustento a unha lei que so sabe combater con represión unha realidade tecnolóxica imposible de evitar: en cada fogar hai, non unha: dúas imprentas. Resulta absurdo negar que a tecnoloxía dota da capacidade de reproducir e difundir calquera obra -a calquera persoa con recursos para acceder a ela- e aínda máis absurdo supoñer que a abrogación das garantías constitucionais é un paso na dirección correcta para salvagardar os dereitos de autor. É claro que a permisividade coas descargas de internet –esa laxa interpretación da amizade e do empréstimo- só beneficia ás compañías de telecomunicacións e ás multinacionais da industria norteamericana, que día tras día afianza os seus mecanismos de colonización cultural con estas e outras ferramentas. Pero a industria e os creadores non se defenderán coa inútil tentativa de prohibir o que pode facerse (alguén recorda os tempos nos que se podían retirar os libros do mercado mediante orde gobernativa –ben lixeira e áxil- de secuestro?) e o que esta lei pretende é entregar a determinadas persoas a tutela da liberdade, da mesma forma que entregou aos editores a xestión do recoñecemento da propiedade intelectual identificada esta coa comercialización da propiedade. Por iso, quen debe dimitir non é o señor De la Iglesia, senón unha ministra que emprega o cargo para confundir –interesadamente ou non – o interese público coa promoción dos intereses privados, asoballando os dereitos fundamentais recoñecidos nesa constitución que tanto lles enche a boca aos que –nada desinteresadamente- confunden democracia con estado de dereito.