TRISTEZA

A un tiro de pedra das eleccións municipais comproba un, con absoluta tristeza, que non pode encontrar diferenzas que xustifiquen a elección dunha ou doutra opción. A decisión a tomar deberá tomarse á contra, e iso é algo que non alimenta precisamente a esperanza.

Decidir o futuro desde o temor –por non dicir que desde unha desolada furia- que é como se van decidir estas eleccións, é un síntoma de que a diferenciación ideolóxica feneceu vítima dos intereses persoais dos dirixentes actuais dos partidos políticos. Os macabros espectáculos nos que se repiten, día si e día tamén, acusacións infames, nunha e noutra dirección, non son precisamente o mellor caldo de cultivo para alimentar a confianza na posibilidade dunha transformación da sociedade cara estadios de maior liberdade, benestar e xustiza social: ao contrario, o que conseguen é inzar o egoísmo nos espíritos, concienciar a cada un dos votantes de que o mellor que pode facer é atender os seus propios asuntos, sementar a desconfianza no poder da lei, que cada vez se vai convertendo máis na simple ameaza dun garrote para disconformes ou nunha fantasía melódica para oídos inxenuos. Unha desconfianza labrada a golpes de estulticia polos políticos de todas as cores, que prefiren mallar nos salarios existentes para conservar a posibilidade de manipular as partidas orzamentarias, que revisar as prioridades orzamentarias para impulsar novos sectores económicos que poidan axudar a relativizar o impacto da crise dun modelo económico baseado na terciarización masiva da economía. Claro que para iso, a xerentocracia (non confundir con xerontocracia, que é algo moito máis respectable) de todas as cores que nos trouxo a esta situación debería amosar unha miga sequera de imaxinación, algo que, desgraciadamente, cada día se asemella máis á posibilidade de dar unha patada no ceo que a calquera outra cousa.

CABODANO

Levantouse do sofá, o corpo pesado despois de xantar, torpe despois dun espertar violento, provocado polo fungar incansable do teléfono. Andou uns pasos para achegarse ao móbil, e case o guinda pola fiestra, pero recoñeceu o número: ademais de catro chamadas había unha mensaxe, e na mensaxe unha cita inevitable. Picou un botón e quedou, agora, á espera, esfregando os ollos, pitoños, con dorso dunha man na que lle pesaba aínda o sono. A falta de resposta empuxouno a escribir dúas palabras:

– Vémonos alí.

Dúas palabras que puxo a galopar nas moléculas de aire, mentres metía o corpo debaixo dunha ducha de auga quente, esperando que coa suor marchara a galbana. A calor, lonxe de alivialo, apertoulle a alma contra o corpo, como unha camisa con dúas tallas menos. Pasou a maquinilla pola cara, nun intento de aseo que non lavou a cinsa que lle atoaba as arterias, pero por fin a vontade impúxose, vestiu o traxe, apañou a carteira e as chaves do coche e colleu un camiño que levaba anos sen percorrer. Faltaban aínda dúas horas para a cita, así que puido abrir a casa, respirar o perfume da saudade que alagaba o corredor e calcular se podería facer outro traxe coas teas de araña donas de cada recanto. O cuarto do fondo estaba escuro. Abriu unha contra, e a luz bateu naqueles ollos con furia, antes de esparexer polo cuarto a realidade, negada velozmente polas lembranzas que acudían vertixinosas. Durmira alí, e alí deixara o alento unha tarde de inverno coma esa, preñada de tronos e saragaña. El estaba lonxe, e non puidera volver a tempo para a última despedida. Cando pensou que xa non podería conter as lágrimas sentiu renxer a porta, apertou a pena nun puño e saudou á familia que lle quedaba.

A ceremonia foi rápida, presidida polo balbordo da xente que quedara fóra, atrapada entre as pequenas dimensións da Igrexa e o apego á vida social. Apertou mans, bicou rostros, e recibiu palabras que non conseguían furarlle o desasosego. Despois, antes de regresar á rutina, sentiu unha chamada, despediuse de todos, abriu a casa erma no lugar baleiro, foise á lareira e prendeu o lume, para queimar as bágoas que había un ano que tiña atravesadas.

Cinco minutos de gloria

Recibiu aquela proposta cun sorriso. Non sabía se chegaría a facerse realidade, así que deu un teléfono, un número que levaba apegado á memoria como tantas etiquetas que vas colgando da camisa. Deixou aquel encontro extraviado no caletre, pero, para sorpresa súa, un día o teléfono entregoulle unha chamada:

-Acórdaste? É polo da entrevista …

Acordouse, non se había acordar. Noutro momento teríase preocupado do seu aspecto, das respostas que había dar ás preguntas que lle habían facer, ou do que había que facer coas mans diante da cámara. Pero decidiu non preocuparse: a vida xa lle dá a un motivo abondo para poñer a cabeza a traballar como para, inda por riba, arrimarlle mecha. Asombrouno a amplitude do local, e a fereza da luz : os focos parecían espadas apuntando aos ollos. Dúas cámaras apuntaban a contraplano, e decatouse do canso que estaba ao sentar na cadeira. A entrevista foi amable –o entrevistador era un vello amigo- e permitiulle resumir con cordialidade aquilo que podía ter interese da súa vida. Contra o final, unha pregunta imprecisa asubiou no aire:

– Queres engadir algunha cousa?

Dixo que non, decatándose do simple que resulta resumir a vida. Abandonou o estudio e retomou a rutina: a fin de semana comezaba por fin, e pasouna entregado ao ocio que lle alimentaba o espírito, e a unha pequena viaxe que rematou detrás dunha fiestra vendo caer a choiva. Ao día seguinte empezou a semana coa mesma canseira de sempre: ergueuse cedo, resumiu os actos cotiás que definen o comezo dun día e marchou ao traballo. A penas traspasou a porta, unha voz descoñecida asaltouno:

– Vinte onte na televisión!

Escoitou esa frase unhas poucas veces, oíu comentarios amables, mesmo entusiastas, e o numero de repeticións da frase foi minguando co día, ata desaparecer. Warhol podía ser vulgar, pero era un sabio.

Penas e penas (3)

Non estou ben. Non sei que teño, pero non estou ben. Hai algo no aire que non acaba de asentar, un bafo de néboa ou un sabor a cinsa do aire, ningunha destas cousas ou as dúas a un tempo, e aínda pode haber unha peste de carrachas espreitando nos recantos; osmo cada vento, pero o que vento, o que vento non me gusta.

Tamén estou malo do corpo, non sei que se me meteu nas tripas que estes días atrás non me paraba nada nelas. Era unha cousa incomodísima, porque tiña que dar e dar voltas arredor do dragón, caiñar e caiñar, subírlleme ás barbas, turrarlle da manga, ata que por fin o home se decataba, erguíase da cadeira e levábame fora, á procura dun lugar onde poder aliviar esa sensación de que a barriga incha, incha, e sigue inchando, que parece que vai estoupar, e ti apertas, apertas, tratas de aguantar o máis que podes, miras cada herba cheirando con dificultade para decidir se é o sitio ideal ou se non hai posibilidades de ser molestado, case arrastrándote polo chan, ata que xa non podes máis e alí que tes que anicarte ou rebentas de vez. Xa non é a primeira vez que me dá unha cousa así, e o peor do tema son as consecuencias: cada vez que, con perdón, me esfurrico, paso dous ou tres días a pan e auga, como se cometera un delito! Ao primeiro a verdade é que non estaba para bromas, non me apetecía comer nada, pero botar un día e medio sen pasar bocado non é cousas que eu lle desexe a ninguén. Auga si, a que che pete, pero chicha, nin faragulla. Despois dun día roendo aire, o único que se asomou no prato era unha miserable colección de faragullas, brancas e espesas, sosas e insípidas coma un vaso de auga. E cando xa a barriga empeza a compoñerse, e sentes unha serra: riqui, riqui; riqui, riqui : indo e vindo no bandullo, que aparece no prato? Boliñas. Boliñas e nada máis que boliñas. Pero a quen se lle acorda alimentar un enfermo con semellante menú? É que nin chama polos ollos! Miro e vexo que me miran. E non quero, non quero e non quero. Xa me poden chamar prosmeiro, pero ese menú non me entra, on me entra e non me entra.

Para acabar de rematala, fóra chove. Pasear significa mollarse. Ir da correa a rastro, e inda por riba pórse pingando. Onte fomos á Terra dos Animais Estraños. Chovía. E tamén alí aparece un fungón pequeno, que me rosmaba facéndose o valente, el, que podía andar solto. Hai quen cobiza un óso que non lle cabe na boca. Así se afogue na avaricia.

Estou mal. Sigo sen saber que é o que teño.

As plumas do moucho

clip_image001Andaba o rato rillando papel novo (As luces de noutrora, de Edelmiro Vázquez Naval) e non tan novo (Bater de sombras, F.X. Fernández Naval) e, como asno de Buridán, viuse sorprendido por unha viaxe que interrompeu ambos banquetes. O destino levouno a unha tarde de choiva, nas terras de Quiroga, e o desmedido apetito a repasar andeis que non visitaba había algún tempo, unha canseira que lle entra de cando en vez e o leva a encher a boca con sabores almacenados á espera do seu regreso. Foi así que bateu n’As plumas do moucho, unha novela que entre Luis García Mañá e IrIndo sacaron ás librerías aló polo ano 1999, antes de rematar o século pasado: a penas hai once anos e parece que hai un século!

A novela, ambientada nos anos inmediatamente posteriores á segunda guerra mundial, esconde paisaxes, personaxes e temas que se van ensarillando na trama como as mechas do touciño na carne do asado, de maneira que o prantexamenteo inicial, unha trama estraperlista de wolframio que deriva á penicilina ao fin da guerra –un tema que ben podería, por si mesmo, soster a novela- vaise enchoupando coa auga miúda das angueiras e as vontades humanas máis achegadas aos escuros asuntos do corazón, as inclinacións sexuais e as identidades reais e ficticias coas que carga o ser humano. Se a isto lle engadimos un po de paisaxismo ben levado, e un gran ou dous desa pementa do misterio e a bruxería, teremos un prato que ben se rilla dunha atacada, especialmente se a choiva peta na fiestra, e o lume arde na lareira, ou no fogar da cociña de ferro, que non é o mesmo, pero vale igual.

Unha luz no ceo

A lúa –dous cornos bailando nas ondas, brevísimas, coma latexos de almas durmidas- dominaba o horizonte, pero naquela punta, o mozo miraba cara o sueste: naquela punta de area que dubidaba entre dúas rías podía permitirse o luxo de buscar as líridas, que debían estar a punto de dar a súa última sesión. Abril daba cos seus osos en terra, e cunha canción vella nos beizos, viuna saír detrás do penedo, como se a pedra se abrira para alagarlle os ollos cun soño. Ela pareceu sorprendida de atopar alguén na area, con aquela brisa que pedía abrigo. Avanzou como quen acariña un desexo, e alcanzou un saúdo temeroso, pero cordial: se as palabras tremían podía ser porque lle nacían dos ollos, díxose, sabendo que el medira cada paso que a fora achegando a aquel punto onde o mar esgazaba, botando un brazo a cada lado da area.

– Está boa noite para pasear

– E para mirar as estrelas –dixo ela, sinalando o telescopio que apuntaba a un peirao distante.

A lúa era un sorriso aberto no horizonte cando el acenou cara as montañas, falando contra o azul brillante de Vega, que enviara o seu saúdo a ese momento cando ambos naceran, un camiño de luz que morría nese instante.

– Pódense ver estrelas fugaces … Pide un desexo!

Ela calou as noites de agoiro: vai morrer alguén en tal parroquia, dicía a avoa sinalando a dirección onde a breve raiola esmorecía, e desexou que a bicase por riba do murmurio que chegaba do Sur, por riba das ondas, e que medrou mentres el lle pousaba os beizos no futuro, un futuro que estalou en resplandores e berros, na Praia dos Lagartos, en liña recta seguindo o seu abrazo. Ladrou unha pistola, e atravesounos o destino. A lúa agachouse, chea de vergoña, mentres o mar lambía aquel regueiro encarnado.

planisferio00

LEI, DEMOCRACIA E XUSTIZA

A lei, non por estar promulgada por un goberno democrático, é xusta necesariamente. Resulta odioso ter que recordar que estado de dereito e democracia teñen pouco que ver, como ben demostrou o imperio romano, imperio do cal proveñen os alicerces de todas as lexislacións e constitucións democráticas, no sentido occidental do termo.

A tiranía da maioría matou a Sócrates, simplemente porque non sendo os atenienses quen de rebater a insolencia coa que lles recordaba os seus vicios e defectos, vicios e defectos que acabarían causando a dolorosa derrota ante Esparta, preferiron a dubidosa honra de retorcer a lei para, condenándoo a morte, obrigalo ao exilio. Que o filósofo puxera diante súa as consecuencias da hipocrisía coa que se gobernaban, acatando a sentencia, non aumentou a súa popularidade entre os seus coetáneos, pero que esa lección sexa esquecida periodicamente non diminúe o fondo de veracidade das críticas do filósofo sobre a amarga verdade de que o goberno por elección non sempre escolle aos mellores para o goberno. E que esa é unha consecuencia inevitable da única forma de goberno na que a xente común pode decidir algo, tamén acostuma esquecerse: a soberbia do homo sapiens so admite a posteriori a posibilidade do erro, e moitas veces, nin iso (que foi o que dixo o señor Arenas sobre o atentado de Madrid?)

Nacida dunha tiranía que se resiste a fenecer (falamos da fosas de vítimas do franquismo e da guerra incivil?) a presunta democracia española tolera mal as críticas ao seu funcionamento, estando como están os seus dirixentes (políticos, e sindicais, pero igualmente xudiciais e militares) afeitos a escudar, por contraposición histórica, no amparo da maioría e da mesma legalidade edificada nese sufraxio, que reviran ao seu antollo e conveniencia, a proclamación de leis, acordos ou sentencias que, por ser froito dos mecanismos democráticos, parece que deberan obter –so por cumprir ese mínimo requisito- inmediata e acrítica obediencia.

Un exemplo de estulticia legalmente populista é a nova lei antitabaco. Resulta evidente que o tabaco é prexudicial para a saúde, e que impoñer a súa presenza en espazos públicos é un mal costume. Pero que se dea aos propietarios dos establecementos de hostalería a posibilidade de acoller este costume en determinadas circunstancias –que incluían desembolsos económicos para reformas en moitas ocasións- e que menos dun ano despois se denegue esa posibilidade e se responsabilice aos propietarios dos establecementos do cumprimento da lei –para que está a policía e a inspección sanitaria?- con sancións económicas a todas luces desproporcionadas, non é máis que un síntoma dunha enfermidade do sistema que compre poñer de manifesto: a perigosa tendencia que amosan os responsables políticos a enfrontar unha parte da sociedade con outra para evitar as consecuencias da súa ignorancia. Cun sistema de partidos que prima o caudillismo e, consecuentemente, a obediencia ás instrucións da dirección como camiño para a participación política, é imposible que calquera discusión poida centrarse nos feitos, e as opinións sobre os intereses alleos non acostuman resolver os problemas. Como ben quedou demostrado no caso de Atenas, escoitar aos sofistas non conduce precisamente á gloria. E que o erro sexa condición humana non debería consagralo como práctica xustificable e irresponsablemente cotiá. Hitler gañou unhas eleccións. Aínda hai quen se pregunta cómo. Pois vaian dándolle voltas.

O artista

Non tiña moita idea de como, pero estaba convencido de que o había matar. Achegaríaselle por detrás, cunha navalla na man, espetaríalla nas costas, e sairía paseando normalmente, sen apurar. Ou: cunha tanza de fío fino e un nó corredío, atado a unha baraza máis grosa, que puidera agarrar ben. Botaríalle a lazada ao pescozo e tiraría. Con algo de sorte, a tanza correríalle polo pescozo coma un coitelo, un fío de sangue mancharíalle a camisa branca antes de que a forza que sabía que podía facer lle tronzara a gorxa impedíndolle dar un chío. Tamén podía agardar na beirarrúa, detrás del, naquela avenida pola que os camións baixaban mangados e que el cruzaba a diario, ensimesmado: nin se decataría que o tiña por trás, agardando que o moneco se tinguira de verde, os camións lambéndolle a cara co seu ronsel de vento, esperaría o día no que o homiño vermello o pillara a xeito, con tempo, e cando un dos camións do lixo que facían aquela ruta a diario se achegara ao paso de peóns, un empurrón forte, a sorpresa, o chiar do ferro contra ferro, o cheiro a goma queimada, a cara de susto do chofer e a sorpresa na súa cara de rata que vai ser esmagada por toneladas de merda. Case lle gorentaba este último método, inda que non acababa de encontralo abondo asoballante. Tiña que lle dar máis voltas. Estudar horarios e datas. A hora era importante: un toque de solpor sobre o cheiro a goma queimada compuña unha imaxe case cinematográfica. A carne esmagada no negror do asfalto, o sangue esvarando nas liñas brancas do paso de peóns, e unha cinta laranxa por riba das montañas, a poder ser coa lúa alta. Xa o estaba vendo … Nada o relacionaba coa vítima: o azar de coincidir na saída dun parking, continuar na mesma dirección, e satisfacer a curiosidade de comprobar as posibilidades. Por qué? Quería. E punto. O seu era a necesidade do artista.

Vals triste

A vida é unha puta sarnosa. Ben: non sempre. Moitas veces a vida é unha puta sarnosa. Iso era o que pensaba, porque á hora de enfrontarse ao papel en branco para falar dos pequenos praceres e as pequenas amarguras da existencia, a ración de amarguras inclinaba o fiel da balanza: a vida é case sempre unha puta sarnosa. E hai ocasións nas que, a maiores, cúspeche. Consciente de que ese sentimento quizais non fose o máis apropiado para dirixirse ao público do momento –afeito a esa meliflua satisfacción que produce estar sempre en posesión da verdade, engolfado nunha existencia beatífica da que se exclúe por disonante calquera exabrupto- empezou a buscar argumentos para unha historia. Repasando as cartas encontrou que tiña case un repoker: estaba a morte traidora que se leva aos mellores, a traxedia dobre e casual que se leva en forma de traxedia automobilística dúas xeracións –pasado e futuro- dunha mesma familia, o narcisismo perpetuo da xerentocracia (non confundir con xerontocracia, moito máis respectable) que nos goberna e da que aspira a substituíla, o afecto desesperado do can que se lle subía á cadeira nunha tentativa bastante ben encamiñada de arredalo do teclado, e o cansazo que produce convivir coa versión máis nidia da estupidez humana –esa que aínda non tivo tempo de lixar a hipocrisía- tratando de subvertir a tendencia do animal humano a prevalecer sobre calquera construción cultural, e polo tanto, destinada a simple efeméride. Unha vez estudadas as cartas, descubriu que o sono podía ser un xigante invencible, ou un amoroso conselleiro, cuxo consello de retirarse da partida era máis que sensato atender. Porque cando a vida colle cara de puta sarnosa, e inda por riba che cuspe, case que o mellor é apagar a luz e meterse na cama. Para a súa mágoa e escarnecemento, cando se repartiu a sorte a el tocoulle un alma rebelde.

Penas e penas (2)

Teño unha pelota nova. Debería estar contento. E unha pelota moi, moi bonita: ten tres cores que bailan cando se move, parece un paxaro. E dura, e brinca cando bate no chan. Encántame mordela e deixala caer nos pés dos dragóns. Enfádanse, pero por pouco tempo. Andan mouchos estes días, esgalichados e perdidos. Apurados por non sei que cousa: son cousas de dragóns, misterios dese mundo ao que marchan cada mañá, deixándome aquí, soíño, entre estas catro paredes. Non é coma cando o dragón estivo malo, que pasou dous días na cama e non había maneira de que se erguera, de botar un pé fora e respirar un pouco de aire. Non. Desta vez saio á mañá, ao mediodía e á noite, pero é case como un compromiso, unha rutina. En canto se acaba o paseo, hala! Alá volve marchar, saberá o demo ónde, E eu quedo aquí, rillando na pelota nova, esperando que paren estas idas e vindas, este ir e vir seguido que me deixa extraviado nun silencio continuo e branco como a xiada das mañás.

Porque as mañás son frías. Despois de mil anos chovendo, agora non chove, e non é que teña frío, que para o frío ando ben equipado: teño un abrigo que xa o quixera máis dun. Pero aínda así, este frío que fai esbrancuxar e deitarse as herbas todas cada mañá tamén acaba por rabuñarme as orellas, e sobre todo, a planta dos pés, que se me apegan ao chan como se alguén estrara un bote de cola. E iso os días que se ve algo de sol, que os días eses que as nubes se deitan a durmir na carreira non sabes como andar: este pé apégase ao chan e o de máis alá esvara como se o piso estivera enpingorotado. Hai que ir con moita calma, pasiño a pasiño, pero a verdade é que me sigue comendo a impaciencia: sempe espero que detrás de cada recanto aperezan os colegas de antes: Canela, Enci, Zipi, Lola, Oli o rosmón, Sandi… calquera! Pero non encontro máis que ao fungamiserias ese que todas as mañás me recorda que o mundo esta cheo de xente desagradable e pretensiosa. Ao Durko que me quixo morder cando era un cativo, e que agora sigue intentando botarse a min cada vez que nos cruzamos, ( a verdade é que lle teño unhas ganas …) e para de contar. O inverno é unha época aburrida, na que todo o mundo anda de mal humor, como sumido, engurrado e pousafoles. Como se no mundo empezaran a faltar cousas e todos andaramos á súa procura, sabendo que non as imos atopar por máis voltas que deamos. Hoxe unha coñecida botoume os dentes cando lle din as boas tardes. Non hai quen entenda ás vellas! Se lle fas caso tolean, e se non llo fas rífanche. Será o inverno.