Categoría: sombras

sombras (2)

Fora ou non certo, a verdade era que os animais morrían nos tobos, e daba igual o que fixeras. Unha inxección de antibióticos, retrovirais e soros priónicos, transplantes de células nai, pai e o que che dese a gana. As vacas morrían antes de chegar aos cinco meses, a idade mínima para o sacrificio, e aínda antes dos tres a maior parte delas, como se a semente estivera envelenada, como se a propria recombinación cristaiña, que tan bo resultado dera desde a fame do trinta e seis, xusto despois da guerra, cando todo parecía perdido entre os vapores radiactivos e as enxurradas de raios cósmicos que fritían a superficie dun planeta que xa non era habitable nin polas cascudas. A súa fora unha sorte bárbara, pois non tendo cualificación ningunha nos últimos días da batalla de Novosbirsk, cando as tropas chinesas conseguiran o dominio da cidade e un xeneral enlouquecido ditara a orde de asasinato dun millón de rusos brancos, coárase na última visita ás instalacións experimentais de Transauria-5, antes de que Moscú decidira desafiar o, pretendidamente, ínfimo arsenal nuclear chinés, lanzando sobre Pekín un par de mísiles con cen cabezas nucleares, que debína abondar para encher de cinza o monzón que estaba a piques de comezar. Recrutado como auxiliar de laboratorio forzoso de Madame Lima, aos poucos unha disposición de ánimo proclive á orde e un convencemento certo de que máis lle valía convencer á vella de que servía para algo, axiña comezou a plantexar suxestións e melloras para que aquela planta de producción conseguira acadar o ritmo establecido nas máis desaforadamente optimistas predicións dos xerentes da central, que a trescentos mil quilómetros de distancia ditaban, desde a Lúa invisible, as ordes de mantemento daquelas instalacións produtivas.

sombras

A granxa

A mañá tiña a mesma cara que todas as anteriores. Mirando pola fiestra comprobou que o inverno quería seguir durmindo sobre os campos, condenando ás flores a un silencio que xa se esparexía sobre cinco meses. A neve cubrira os campos desde antes dos Santos, e ata ben entrado marzo a penas conseguiran saír da casa dous ou tres días, e para iso non moito tempo, que o aire cortaba como unha navalla. Os animais comezaban a dar mostras de inquedanza, e lembrou o inverno do 46, cando as vacas se puxeran tolas coa sede dous días antes de que remataran as xeadas, que aquel ano causaran unha seca responsable da aniquilación de case un terzo da facenda. Este ano a auga non fora problema –o xerador seguía funcionando coa reserva de gas que adquirira grazas á venda dunha extraordinaria colleita de cogomelos- pero a herba seca estaba empezando a esgotarse, e tivera que racionar o seu consumo ata límites que nunca crera necesarios. Vía enfraquecer o gando e preguntábase se sería certa a lenda que correra pola rede o ano 47, a lenda que dicía que aquel ataque de insania no gando debérase á inoculación dun virus ao traveso do subministro de auga, mediante nanopartículas enviadas pola condución do subministro, aquel ano no que a colleita de cereal fora tamén escasa e o goberno precisaba unha fonte barata de proteína para alimentar aos desherdados que se amoreaban nas portas da cidade, ameazándoa.