Categoría: O relato da semana

Paper.li e relato da semana

Hoxe vin no twitter o paper.li de Francisco Castro e acordóuseme que quizais fose unha boa ferramenta para crear un pequeno escaparate da actualidade da literatura e dos escritores. Das cousas que fan e das que lles preocupan. Aínda non estou moi familiarizado coa ferramenta, que basicamente recolecta as novas das redes sociais -facebook, twitter, linked in, Google+ – e os feeds das páxinas webs que o teñan.

Unha das penosidades de utilizar algo que descoñeces por vez primeira é que non es quen de imaxinar o que vai pasar. Así foi que Jaureguizar, coa súa actividade incesante case acapara este número. Outra das sorpresas desagradables de poñerse a facer antes de analizar e pensar foi o límite do número de fontes que se poden empregar (25) así que aquí faltanme moitos. Camilo Franco,  e Ramón Caride, entre os amigos, Chisco anda por aí, e Chesi. Tamén Fran Alonso e o admirable e admirado Manuel. O ultimamente omnipresente Tallón, e non houbo sitio para máis.

Prometo ver de afinar un pouco máis na selección, e ir cambiando de protagonistas. A ver que vos parece. Por certo, aínda que o “relato da semana” non acaba de saír cada sete días, xa podedes ler o novo. E a ligazón os que o queiran descargar como caderno ou como epub para teléfono (outro día falaremos das posibilidades dos novos teléfonos de 5 e 6″) tablet, lector ou o que sexa.

Gonzalo Guerrero (ou de Aroza?)

Recollín as primeiras informacións sobre Gonzalo Guerrero investigando sobre a conquista de América, para algo que pode que chegue a ser unha novela algún día. Interesoume de contado e non puiden evitar escribir o relato que hoxe deixo na sección “O relato da semana“. Se preferides descargalo para velo no lector, tablet ou teléfono tédelo aquí

É máis que posible que a miña imaxinación falseara os datos históricos, que seguramente poderán mellorarse, e tamén que haberá achegas máis extensas e / ou afortunadas a esta personaxe. Hoxe Gonzalo Guerrero é un dos mitos mexicanos, así que pido desculpas polo meu atrevemento, que cando me deu a febre da escritura descoñecía por completo.

Se vos interesa a personaxe e a súa historia, outras achegas son:

AGUIRRE, Eugenio, Gonzalo Guerrero   

Pódese encontrar en Amazon e seguro que en máis sitios. Parece ser que foi un éxito en México.

Creo que hai máis novelas mexicanas sobre a personaxe, que evidentemente, ten moita chicha.

Tamén, en inglés, temos

  • Clark, Alan (1990). Guerrero & Heart’s Blood. Mexico. 
  • Morris, Walter F. (1990). Living Maya.
  • Robbins, John Coe (2011). Maya Lord.