Categoría: A lingua solta

A política, ese proído…

A vida triste

A vida estase poñendo ben triste. O vento asubía aí fóra, e por moito que os días empecen a medrar (onte foi a Santa Lucía) non é que apareza moita luz no horizonte. Fozando no Facebook dei nesta patochada e un pode desculpar a falta de intelixencia, pero non deixa de ser deprimente o entusiasmo co que progresa a estupidez. Caneiro dicía nos noventa que ese progreso era implacable: atinaba, e tal vez este sexa o momento definitivo do seu triunfo.

O signo dos tempos ven sendo un puritanismo encabuxado, babeco e miserable, que para xustificar a propia inepcia –cando non a complicidade co despropósito- procura a salvación na voz máis alta. Coa escusa da crise e da necesidade da catarse –aprazada sine die, interesadamente confundidos os síntomas coa enfermidade- estase a estender, de forma irrefreable, a convicción de que canto acontece de malo en calquera recanto é unha conspiración política, un simple contubernio mafioso, e que trocados os mandamais –a oferta de salva patrias estase concentrando, coma o avecrem-, todo ha volver a un edénico estado das cousas.

Tan pueril explicación está comezando a amosar as arestas da impaciencia, o rostro infame da intolerancia, a amarga verdade do resentimento, ese estado de ánimo que obnubila as consciencias e afoga toda discusión coa sombra das bandeiras. O seguinte paso estase achegando: as cousas teñen que ser como as quere a xente e eu son o seu intérprete.

O último dos chanzos desa escaleira que descende ao inferno é ese no que se sinala co dedo aos que prefiren calquera sol á mellor das sombras. Non sei eu se andará moi lonxe.

P.S. Tal vez catrocentos mil euros merezan unha mellor xestión. Tal vez a banda non é escoitada porque non é apreciada, e non é apreciada porque non se amosa o suficiente, como eses herdos que agochamos, dos que sentimos vergonza ao lembrar o que fomos, nesa convicción tan actual de que todo pasado é infame, ou, como mínimo, intranscendente, e sobre todo, do que non hai responsables: so culpables.

Como se a prosperidade fose un traxe que se cose con palabras.

 

Comeza o outono

A portada de “El País” amosa ao rei pedindo ao mundo que conten con España para defender a democracia, pouco despois de que se reunira con Obama, quen, por certo, acaba de enviar aos seus avións a facerlle a guerra ao califato islámico, sen necesidade de declaración previa, como se facía noutros tempos, cando os parlamentos, depositarios -seica- da Soberanía Nacional, pintaban algo nas decisións políticas. A cousa ten un punto de patética, como unha especie de pataleta por non ter sido convidados á festa.
Nun video que me neguei a ver, como tantos outros que practican esa ruindade tan cotiá de confundir vesania con actualidade, un refén francés dun grupo de jamados aspirantes a integrarse no califato antes citado, era degolado para convencer ao presidente francés de que interrompera os seus bombardeos sobre ese territorio. Parece ser que o tipiño non agardou convite: cando empezou a festa xa estaba alí, que non hai nada para levantar as enquisas como unha guerra boa, que non é o mesmo que unha boa guerra, aínda que o pareza. Non sei eu se as bombas valerán para algo nese territorio onde, unha vez máis, a barbarie practícase no nome de Deus. Resulta interesante comprobar, outra vez, que aqueles que teñen fío directo con Él acostuman recibir ordes de facer o posble para apañar o do veciño.
Mentres, o señor presidente do goberno asina a substitución do ministro de xustiza a miles de quilómetros, negociando cos chineses non se sabe moi ben o qué, pero coñecendo os antecedentes, adiviñen quen vai pagar as copas.
Así que, mentres os alemáns volven sobre Ucraína, que, con perdón, leva camiño de sofrer a versión moderna do pacto Ribbentrop-Stalin, e os cataláns senten a necesidade de marchar da casa, pero, iso si, co consentemento paterno e sen perder a condición de socio do Club de Campo, aqui non se move unha folla. Os carballos, xa se sabe, son uns agarrados.
Hoxe, unha señora de dereitas queixábase na televisión de que non todo tiña que estar en mans do diñeiro. Pois, señora, ¿que quere que lle diga?

IMG_0316.JPG

Escollas

Ainda que resulte ofensivo, hai que dicir que as medidas que hoxe ofrecen os partidos políticos do noso país son unha soberana listaxe de sandeces. A esquerda tibia do PSOE anda entregada a directrices conservadoras, impostas por unha dirección estatal incapaz de ofrecer a Europa unha alternativa progresista crible, entre outras razóns porque nunca quixo poñer en  práctica seriamente esas necesarias políticas de reorientación dos sectores produtivos que agora extraña. Con esa debilidade resultou fácil a imposición da demagoxia de Sarkozy e o curtopracismo dunha Anxela Merkel obsesionada co regulamentarismo, como se a historia non tivera probado que os compromisos legais non significan nada en calquera país, se non están avalados por unha
forte investigación da realidade dos feitos, que é precisamente o método de falsear a realidade que domina o escenario político de España, Portugal, Grecia e Italia, pero tamén do Reino Unido e de moitos membros da Unión Europea, nos que as políticas desreguladoras e os mecanismos de control político da administración inhiben de forma notoria todos os servizos de inspección do
estado, e polo tanto, son causantes directos do incumprimento consentido da legalidade que dá lugar, por exemplo, a crebas de concellos, causado por autorizacións, actuacións e mesmo planeamentos urbanísticos que probaron nos tribunais a súa ilegalidade, ou pola asunción de competencias que non lle atribúe a lexislación ordinaria.

A esquerda socialista é tamén culpable da desorganización do estado na medida en que o traspaso de competencias do estado
ás administracións autonómicas nunca foi entendido como un traspaso de  administración, baixo un modelo de xestión no que as diversas areas cedidas incorporaran ao mesmo tempo un sistema de financiación, senón como unha cesión política no marco dunha negociación para a consecución de maiorías lexislativas, no que determinados sectores foron transferidos unicamente en
función do gravosos que eran para o aparello do estado, cedidos ás comunidades como quen solta lastre para voar máis lixeiro. Unha política que se estendeu ás negociacións europeas, onde sectores económicos enteiros foron entregados atados de pes e mans ao desguace ou á apropiación por empresas foráneas, a cambio de fondos de inversión en infraestruturas ou simples cargos nas institucións europeas.

En moitas destas actuacións a dereita non só foi cómplice, senón colaboradora e implementadora activa. E o seu papel na desmembración do aparello produtivo do estado, encuberto baixo a aparencia de privatizacións que, coa escusa da procura da eficiencia económica, acabaron por se converter en auténticos saldos para determinadas escuras personaxes –lembremos o caso de Telefónica, por exemplo- de probadas conexións coa administración do momento.

Pero a presunta elevación ao poder desta dereita nas próximas eleccións é tanto máis alarmante canto que, nas administracións que ten nas mans no momento actual, compróbase unha vez máis como o presunto liberalismo económico de que fai gala non é máis que unha falacia. Amparados no clientelismo político e na tolerancia do seu electorado coa súa impericia no manexo dos
asuntos económicos, trinta anos de goberno da dereita en Galicia non conseguiron máis que cubrir cun verniz de prosperidade falsa o que resulta ser a destrución sistemática do sector primario, a dependencia absoluta da inversión exterior no terreo industrial e a dilapidación dos fondos públicos en fachenda – tómese a Cidade da Cultura como exemplo, pero poderiamos engadir a lista de construcións de dubidosa utilidade como o tan cacarexado tren de alta velocidade – a castración de sectores económicos en auxe pola súa infidelidade política –como o sector audiovisual- a incapacidade de articular o territorio e unha concepción da educación e da cultura que baixo a aparente premisa da modernidade e o paradigma do universal, o que encubre é un complexo de inferioridade e un autoodio infame, a confesión dunha impotencia propia de quen vive a súa vida como un escravo, un escravo que so aspira a chamar a atención do amo para obter unhas migallas do pan que lle cae da mesa.

Pero o nacionalismo, que podería e debería aspirar a superar estas miserias, ben podería merecer o alcume de necionalismo, grazas a unha dirección que o ten levado nos últimos anos, de ser a segunda forza política a ter que competir en moitas eleccións locais con demagogos de diverso calibre –véxase o caso de Ourense- perdendo algo máis que votos. Demagogos que recollen o voto do descontento e a falta de alternativa real ao desgoberno, froito da incuria e miserabilismo que constrúen a dereita e a esquerda, ou que, no caso da Coruña e Vigo, contribúen ao ascenso do filibusterismo político. O nacionalismo parece incapaz de comprender que a construción da nación non pode agardar á conquista do poder, e en troques de construír o tecido dunha rede económica alternativa real, ou cando menos ter un deseño crible de país, e, en troques de ver de organizar os sectores produtivos básicos conforme ós seus propios intereses e a súa necesaria harmonización, confórmase co enfrontamento frontal coa realidade, negando a forza dos feitos, e incapaz de aceptar que o seu intento de substituír as redes clientelares do PP polas propias non o levou
máis que á derrota.

Que futuro nos espera? Ningún, de continuarmos nesta liña. Resulta terrible percibir que calquera dos camiños que se nos ofrecen non leva máis que ao suicidio ou a escravitude. Compre un aire novo. Ou aceptar que a morte é un destino como outro calquera.

EN ESPERA DE DESTINO

A estas alturas debería un ter decidido a quen votar nas próximas eleccións municipais. Pero a verdade é que as alternativas non ofrecen ningunha garantía. Dunha banda, o alcalde actual, o señor Francisco Rodríguez, despois de catro anos de mandato, caracterizados pola inercia e a atonía, dinos que ten un “Proxecto de Cidade”. Vanme perdoar se desconfío de quen, despois de ter gobernado catro anos, descubre agora que ten un proxecto. Outra cousa son as características do proxecto: tranvía e estación monumental, dúas idiotices que seguen a estela do non feito nos últimos anos. O transporte público non precisa un novo medio: precisa simplemente unha xestión eficaz, unha puntualidade imprescindible sostida durante un longo período, e uns prezos razoables que permitan o seu emprego masivo. O resto é gana de bailar. En canto ao proxecto Fosteriano de estación de ferrocarril, que queren que lles diga? Están os tempos como para gastar o diñeiro en lambonadas.

Dos seus socios de goberno, o peor que pode dicirse e que cargan coa peor das culpas: a sospeita de que a súa xestión económica non é excesivamente transparente. Inxusto, moi probablemente, pero a inxenuidade non é un delito admisible nesta lea. E o tan mediáticamente castigado afán de protagonismo das anteriores tenencias de alcaldía, deixou paso a un silencio tan absurdo como o cacarexo anterior. A súa actuación nas áreas culturais e festeiras tampouco ten sido especialmente relevante: máis ben unha xestión continuísta con pequenas modificacións folclorizantes, caracterizada pola imposibilidade de rendibilizar infraestruturas sobredimensionadas ás demandas da cidade, e sen capacidade de crear contidos, ou unha xestión ilusionante deses espazos. Tamén a pamema do termalismo segue sen arrincar, e mira que lle teñen dado voltas.

Por último, a principal alternativa, o partido presuntamente popular, é o principal responsable –pero non o único: digo eu que algo se podería ter feito nos catro anos anteriores – de que a cidade se rexa a día de hoxe por unha norma urbanística de hai case trinta anos, que deixa no ar a legalidade das vivendas de moitos ourensáns. Que te mates a pagar a hipoteca dunha vivenda construída segundo o que resultou ser unha falsa legalidade é como para premialos co voto. E que a súa promesa sexa a capacidade de goberno dende o primeiro minuto case fai tremer a un, contemplando o que por tal entende o señor presidente da deputación con máis porteiros por porta cadrada do universo, combinado isto coas declaracións de máis dun membro do mesmo partido sobre a presunta especial capacidade dos seus afiliados e simpatizantes sobre os simples cidadáns, arrogancia sen medida e soberbia sen castigo, que honra esa gloriosa tradición local que sostén: no seu sitio, eu faría o mesmo.

Din que un pobo ten os gobernantes que merece. Tal vez. Eu, mañá, igual baixo á Praza Maior. Tal vez alí non haxa alternativa. Pero, cando menos, hai vida. E onde hai vida hai esperanza, seica.

TRISTEZA

A un tiro de pedra das eleccións municipais comproba un, con absoluta tristeza, que non pode encontrar diferenzas que xustifiquen a elección dunha ou doutra opción. A decisión a tomar deberá tomarse á contra, e iso é algo que non alimenta precisamente a esperanza.

Decidir o futuro desde o temor –por non dicir que desde unha desolada furia- que é como se van decidir estas eleccións, é un síntoma de que a diferenciación ideolóxica feneceu vítima dos intereses persoais dos dirixentes actuais dos partidos políticos. Os macabros espectáculos nos que se repiten, día si e día tamén, acusacións infames, nunha e noutra dirección, non son precisamente o mellor caldo de cultivo para alimentar a confianza na posibilidade dunha transformación da sociedade cara estadios de maior liberdade, benestar e xustiza social: ao contrario, o que conseguen é inzar o egoísmo nos espíritos, concienciar a cada un dos votantes de que o mellor que pode facer é atender os seus propios asuntos, sementar a desconfianza no poder da lei, que cada vez se vai convertendo máis na simple ameaza dun garrote para disconformes ou nunha fantasía melódica para oídos inxenuos. Unha desconfianza labrada a golpes de estulticia polos políticos de todas as cores, que prefiren mallar nos salarios existentes para conservar a posibilidade de manipular as partidas orzamentarias, que revisar as prioridades orzamentarias para impulsar novos sectores económicos que poidan axudar a relativizar o impacto da crise dun modelo económico baseado na terciarización masiva da economía. Claro que para iso, a xerentocracia (non confundir con xerontocracia, que é algo moito máis respectable) de todas as cores que nos trouxo a esta situación debería amosar unha miga sequera de imaxinación, algo que, desgraciadamente, cada día se asemella máis á posibilidade de dar unha patada no ceo que a calquera outra cousa.

EXIPTO

Hoxe a noticia é Exipto e a súa revolta. Asómbranos que aínda haxa xente capaz de dicir non, erguerse, e reclamar a simple liberdade. Miramos con complacencia esas espontáneas manifestacións, participamos -en certa medida- do seu furor, pero pronto empezaremos a descubrir nas portadas dos xornais perigosos intentos de desestabilización, manobras de grupos violentos (eu pregúntome, inxenuo de min, como é posible botar un ditador do goberno con boas palabras e manifestacións pacíficas) e conspiracións islámicas, terroristas disfrazados e o inmenso perigo para Occidente de que a rebelión entregue o poder –con eleccións ou sen elas- aos movementos proislamistas, nun país con oitenta millóns de habitantes. Non debe ser o mesmo pertencer a un partido islamista que a un demócrata cristián, ben o sabe deus, que despois de que os pacificadores de turno arrasen con todo, saberá escoller aos seus. Nada se dirá entón da colaboración das grandes compañías na conservación do statu quo, esas mesmas que reclaman liberdade de comercio, pero están dispostas a sacrificar a liberdade de palabra, por un prezo, que o negocio é o negocio.

No nome da liberdade correrá –xa corre- o sangue máis inxenuo, que descubriremos subitamente alleo cando o prezo do combustible empece a facernos baixar os graos do termostato da calefacción. Entón creremos que os rebeldes son unha banda de criminais perigosos e o que faga falta, pero por favor, que pare xa de subir o gasóleo, que este é un inverno especialmente frío, e se hai que queimar as pirámides para quentar aos fillos, que ninguén se preocupe: dos escrúpulos faremos a cabeza dos mistos. O home é unha especie na que se pode confiar.

Comodidade

Leo, abducido polo nivel de soberbia que se desprende da noticia, un artigo de El País . A boca énchese de metal, e o peito de carraxe. Resulta inquietante que alguén poida considerar natural arredar das responsabilidades de dirección dun organismo privado a quen non comparte as súas opinións, e máis cando esas opinións sirven de sustento a unha lei que so sabe combater con represión unha realidade tecnolóxica imposible de evitar: en cada fogar hai, non unha: dúas imprentas. Resulta absurdo negar que a tecnoloxía dota da capacidade de reproducir e difundir calquera obra -a calquera persoa con recursos para acceder a ela- e aínda máis absurdo supoñer que a abrogación das garantías constitucionais é un paso na dirección correcta para salvagardar os dereitos de autor. É claro que a permisividade coas descargas de internet –esa laxa interpretación da amizade e do empréstimo- só beneficia ás compañías de telecomunicacións e ás multinacionais da industria norteamericana, que día tras día afianza os seus mecanismos de colonización cultural con estas e outras ferramentas. Pero a industria e os creadores non se defenderán coa inútil tentativa de prohibir o que pode facerse (alguén recorda os tempos nos que se podían retirar os libros do mercado mediante orde gobernativa –ben lixeira e áxil- de secuestro?) e o que esta lei pretende é entregar a determinadas persoas a tutela da liberdade, da mesma forma que entregou aos editores a xestión do recoñecemento da propiedade intelectual identificada esta coa comercialización da propiedade. Por iso, quen debe dimitir non é o señor De la Iglesia, senón unha ministra que emprega o cargo para confundir –interesadamente ou non – o interese público coa promoción dos intereses privados, asoballando os dereitos fundamentais recoñecidos nesa constitución que tanto lles enche a boca aos que –nada desinteresadamente- confunden democracia con estado de dereito.