Breviarios

Os breviarios son un invento que non funcionou moi ben: un relato ou unha serie de relatos impresos en formato A5, pensados para vender a un euro. Lecturas breves para momentos como as viajes en bus e similares e que puideran levarse no peto ou nun bolso sen maior problema.

Se queres facerte con un, preme na ligazón, descarga o pdf e imprime a doble cara. Dobla polo centro e xa está. Sería interesante podelos descargar como ePub amén, pero en wordpress eu non sei como facelo. Se queres os breviarios en ePub tes das opcións:

  1. Ir a www.xerardomendez.eu e mirar nas descargas a ver se están (se non están logo han de estar)

2. Mercar en Amazon o libro no que se encontran o/os relatos do caderno. As ligazóns aos libros atoparalas aquí.


UNHA HISTORIA DE CABALOS

unha historia de cabalos_capa

“Cando espertei o xeo queimábame os beizos. Non sei como sobrevivín a esa noite. Sei que espertei sentindo que me ardía a boca e non era quen de abrir os ollos. Rente miña sentín resoplar. Non, non ese resoplar. Un máis forte. Quixen abrir os ollos, pero tiña as pálpebras conxeladas: nas pestanas nacéranme candeas de carambelo que, como un cadeado, pechaban as persianas, impedindo o paso de nada que non fora un resplandor encarnado…”

Descarga o caderno.

 


O RECENDO DO LOUREIRO

Derrubado, cos xeonllos en equilibrio perdido sobre a debilidade, Alfredo Santiso mirou a negra boca do revólver e ventou o gusto acre da pólvora nas enxivas. Caían as paredes contra a súa esperanza, o inverno era unha friaxe distante e o sangue, esvarando pola lenta agonía do instante, alcanzoulle -amarga dozura- os beizos. Podía esparexer no momento á inútil alegría dunha palabra, dunha palabra sostendo un desafío. Podía sumirse na tristura e deixar correr as bágoas pola canle da dor. Podía… Pouca cousa podía. Os brazos, esa escolta crebada do tórax, penduraban, admirados do seu alento para soster as mans; as mans: uns garabitos ensanguinados, e unha baraza plástica para o atadallo que as xunguía.

Descarga o caderno aquí:

Breviarios 2011_BN_02_O recendo do loureiro_4f_b


AS TRAMPAS DE ATENEA

Miña filla hame volver tolo. Onte pediu verme para me dicir –outra vez- que empreñara por obra de Zeus. Coma se Zeus non tivera mellor cousa que facer que empreñarme a filla. O conto é que o neno vai medrando e sinto que me ferve o sangue: ese cabrón de irmán meu volveuma xogar. Inda non sei como se fixo coa chave da torre, como fixo para vir dende Argos sen que o vira ninguén, como entrou na miña casa e como volveu deitarse con esta miña filla, tan inocente coma un pardauciño. Se pensa que me vou tragar o conto ese da choiva de ouro vai apañada! E todo para protexer a ese… Ese canalla, que non acepta o seu destino. Acaso non teño eu o dereito da primoxenitura? A! Pero o bandido sorbeulle o seso ao pai, meteulle no caletre que tiñamos que partir o reino: partir o que? Cando o botei da casa, despois de seducir á miña filla (á súa sobriña!) inda tiña que dicir, inda tiña que reclamar…

Descarga o caderno aquí:

Breviario 5_As trampas de Atenea


os nomes da ira_capa

OS NOMES DA IRA

Cousa sabida. O conto estaba en ver que resultaba de todo aquelo, díxose, cun asomo de inquedanza no ollo que miraba de esguello a táboa de índices, a taxa do interbancario e a evolución do Euribor. O outro ollo vagaba polo hiperespacio bancario agardando a letra do hipotecario que había caer a fin de mes, indagando como había responder á súa ansiedade a renovación anual, que medio punto non é nada, din, pero sacudir sacude que dá gusto, e parece mentira, pode que ate baixen e todo, alegrar alegraríase se non fora a mala conciencia, aquela que lía a Sartre cando a inocencia das vítimas era o mesmo escrúpulo que agora, e, ben pensando, maldita a hora na que lle dera por ir vivir á residencia aquela, tan ben que o pasara, si, pero estaba tamén Ahmed, Alí, Tariq e… os demais, era divertido por a kufillah, era así como se chamaba o pano aquel a cadros? Berrar OTAN NON,IANQUIS FORA, seguro que hai fotos, sempre hai fotos,…

Descarga o caderno aquí:

Breviarios 2011_BN_03_Os nomes da ira_3f


Crónicas da infamia

CRÓNICAS DA INFAMIA

Aquel era un despacho cálido. Non porque o home –as costas domadas no encosto da cadeira, as solas dos zapatos dominando a mesa- tivera unha especial predilección polas cores cálidas: era cousa de Rose, e dos asesores de imaxe. Sempre podía ser necesario que ese despacho saíra á luz pública, que entrara pola retina de millóns de compatriotas daquela muller pálida, de aparencia amable, coa que compartía algo máis que os lazos do matrimonio e unha grea de fillos que foran nacendo mentres a súa mente se ocupaba dos chanzos da escaleira. O despacho tiña a súa man, ben se coñecía, e por alí onde pasaba, o recendo a revista de decoración lixeiramente demodé exhalaba un bafo tan familiar como era preciso para ocultar o poder omnímodo que atesouraba con avaricia, pronto a o ceibar cunha frase lapidaria, xusto cando a luciña vermella indicara o cambio de cámara, e tiña que lograr nese intre que o seu rostro fora tranquila e severamente ameazador.

Descarga o caderno aquí:

Breviarios 2011_BN_04_Crónicas da infamia_5f



Hipaso de Metaponto_capa

SEVERO

Que o mundo é unha bóla de lume acaso sexa un pensamento atrevido de máis. Pero sen dúbida no lume reside a súa verdade, pois é a chama da guerra quen o conforma.

Esta paixón de Atenea polo combate como método para modelar o mundo é, sen dúbida, diferente da cega pulsión de Marte, pero de ambas encontro eu á primeira máis perigosa: tras Marte non existe senón o impulso atávico da loita, o desexo de sobrevivir a calquera prezo. As intrigas de Atenea, en cambio, diríxense ao sometemento das vontades baixo a aparencia de razoables conclusións, coma se a escravitude fose o mellor que pode acontecerlle a un, ao garantirlle un amo que debe preocuparse de o alimentar.

Descarga o caderno aquí:

Breviarios 2012_BN_06_Hipaso de Metaponto_3f


SeveroOnte enterramos a dona Francisca. Tocaban as campás sobre a choiva; o día era de chumbo como fora o seu carácter. Antonte houben de oíla de novo en confesión, relatando un a un os seus pecados, pecados que hei de gardar entre os pregues da sotana, alí onde nin aínda a ama se achegue. Teño gravados os seus segredos a lume, pois as súas palabras, de sempre un cansino recordar de pecados veniais, de faltas leves á doutrina ou aos mandamentos da igrexa, descenderon aos infernos, precedéndoa, pois, Deus me perdoe, non me é posible imaxinar que O Noso Señor poida perdoar tan graves faltas sen sequera un asomo de castigo.

Descarga o caderno aquí:

Breviario 5_BN_Capa_2013_Severo_gal


ZAZIL HÁ

Ix Chel Can, tamén chamada Zazil Há, filla do rei Nachan Ka’an  reprendeu a Gonzalo Guerrero, seu home, tamén chamado Diego de Aroza, ao recibir a visita de Jerónimo de Aguilar, pola pretensión deste de o facer volver cos españois. Aquí está a súa resposta.

Zazil HáDicídesme, miña dona, que quen é este escravo que vén con tanta fachenda molestarnos. Tedes que saber que este home é como un meu irmán, de nome Xerónimo de Aguilar, con quen padecín rigores e desdichas sen conto, un home de Deus, cabal, tan fiel á súa fe como a min me resulta imposible selo, que dos tratos con Deus non teño eu boa experiencia, certo que non mellor que a súa, pero el persistiu na súa confianza, cousa que a min me resulta ben difícil, cando non imposible, pois vin como os homes matan no seu nome con crueldade infinita, e fan a súa vontade dicindo ser Súa, e pola Súa Causa, moven guerras e tormentos, de tal sorte que, a quen di non someterse á Súa Vontade, téñeno por herexe e quéimano a lume vivo…

 

Descarga o caderno aquí:

Breviarios 2012_BN_07_Zazil Há_5f

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s