Día: 28 Decembro 2020

Escribir

O orballo cae detrás da fiestra sobre as lousas negras mentres o tomate, ou o que queda del nese prebe encarnado, enchoupa a carne coa canseira do lume que o quenta por baixo, manso pero constante. Para matar o silencio, a televisión degraña unha ficticia investigación de asasinato e drogas, desas con moita adrenalina e neste caso con escritor por medio. E mentres o paporrubio brinca da esquina do tellado a algún outro lugar, as brasas arden cun brillo espectacular detrás do cristal da porta.  Non é necesario puntualizar que a cociña de leña é nova: se fora vella a porta sería de ferro e o lume cantaría a súa canción en privado, nunha lareira que so podería espreitar polos buratos da prancha de ferro.

A investigación progresa na televisión a velocidade de dous sospeitosos descartados por intermedio e sete doses de brutalidade policial por escena, mentres os espaguetis se achegan a esa consistencia que os italianos cualifican como “al dente”. Así que agarro a pota para escoar os fideos, verter a carne coa salsa na pota dos espaguetis, e descubro asombrado que a solución do crime é un asunto de familia, de rancores familiares. Tanta pólvora para isto. Recordo que deixei ao Agenor encontrando ao amor da súa vida, aínda que el non o sabe, e que sigo dándolle voltas á historia de Mutamid, todo por non enfrontarme á última páxina da historia do Lor, porque a dor é aínda unha queimadura demasiado recente, e esas brasas que arden detrás do cristal recórdanme o brillo dos seus ollos.