Mes: Xullo 2020

Sean O’Sullivan

Foi así como entrei a ser un máis dos qe’etchi. Levoume o seu tempo, non vaian vostedes crer que a cousa foi chegar e encher. Primeiro tiven que demostrar que podía usar un coitelo para destripar calquera cousa, que podía achegarme a un caimán sen que o bicho me ventase, e que podía matalo cun daqueles coitelos que gastaban, un coitelo de sangrar co dobre de ancho e dobre de groso que o de matar os porcos. Os homes brancos de Nova Orleáns que deran unha volta por Texas e outros territorios do oeste chamábanlle Bowie, e metíalles moito respecto. Os qe’etchi pronunciaban boi, e a min pareceume axeitado para aquela folla capaz de fender a testa dun caimán. Afialo non era cousa de nenos, e despois de matar aquel bicho houben de esfolalo e preparar unhas brasas e uns espetos para asalo en condicións. Hai quen di que sabe a polo. Sabe ao que sabe, o polo é outra cousa, e por máis que o meu dente non teña nada de prosmeiro, habedes saber que, postos á cousa, o polo, ben despenado, con cayena e un par de herbas, ten outro tasto que non o do bicho.

Cando acabei a miña instrución co coitelo chegou o momento das armas de fogo, que eran cousa do patrón. O patrón, en ausencia de dona Rosa, era Sean O’Sullivan, ao que lle caín en graza ao pronunciar ben o seu apelido cando lle fun presentado, á miña chegada, e ao que non volvera ver ata ese instante porque o meu tempo de instrución co coitelo pasarao nos bohíos indios. O’Sullivan tiña o respecto dos qe’etchi porque fora el o que os trouxera a Nova Orleáns. O’Sullivan fora un dos mercenarios que, presuntamente contratados polo goberno de Yucatán contra México, acabaron rapinando o país por conta propia. Os maias, que se aliaran cun goberno que lles prometera mellores condicións que o mexicano, acabaron por rebelarse contra este despois de gañar as batallas e ver que a paz lles traía a mesma escravitude. O’Sullivan resultara ferido nunha escaramuza e quedou tirado na selva tres días, ata que unha muller qe’etchi, viúva pola guerra, o viu botando sangue pola boca, sentiu piedade del e o levou para a súa casa, onde curou e se repuxo. Andou un tempo traficando en armas cos ingleses para os indíxenas, contando coa parentela da súa muller como un pequeno exército privado. Ata o día que chegou e atopou a muller degolada. Os responsables foran os soldados do goberno, que viñan de solicitar a reincorporación a México despois de conseguir que os xefes rebeldes foran asasinados por traidores comprados con ouro mexicano. O’Sullivan colleu o seu pequeno exército e achegouse de noite á compañía que fora “poñer orde” na rexión. Non deixaron un vivo. Tiña despois de aquelo, dúas solucións: unirse aos cruzoob ou volver a Texas. O’Sullivan ofreceulle a opción aos seus e todos escolleron marchar. Cruzaron a Belice, mercaron un barco cheo de caoba e marcharon a Nova Orleáns vendela. Chegaron a punto para venderlla a dona Rosa e a señora Berwick para a ampliación do Pazo de Cristal.

As mulleres acaban de se facer coa Hacienda de Eduard Boulogne, último descendente dos Boulogne que morrera tísico e cheo de débedas de xogo: un lampantín que conseguira en dez anos queimar o capital acumulado en douscentos pola súa familia. Non quedaba un triste escravo, e O’Sullivan e os qe’etchi alcanzaron así o seu pequeno paraíso, nunha relación comercial de mutuo beneficio para todas as partes.

Cando cheguei onda el estaba probando un Le Mat 1856, co que esfachicaba botellas de champan.

– Mozo, a cousa está mal e vaise poñer peor. Máis che vale pelar o ollo.

Era 1860 e a guerra estaba no aire.