Un día de xuño

Onte un paxaro estrapazouse contra o cristal da fiestra. Aínda queda un resto das súas penas apegado na letal transparencia. Non o vin: so sentín o golpe e os meus ollos bateron naquela penuxe diminuta apegada no vidro. Abrín aquela porta a outro mundo con moito coidado, pero aquela ave marchara xa, vai ti saber se coa lección aprendida, pero eslombada e mancada de certo.

Así son as simplezas: parecen un camiño aberto e acabas deixando os dentes contra unha parede. Non sei como se me acordou escribir isto, tal vez, simplemente, necesitaba escribir algo despois de moitos días, meses, case podiamos dicir que anos, sen escribir unha páxina coa consciencia de comezar un camiño.

Hoxe o camiño deixoume ao mediodía, na estrada, o cadáver dunha pomba aínda intacto, que evitei pisar con cautela, pendente do retrovisor cun ollo e co outro no camiño. Subía eu á merecida homenaxe a dúas mestras de lingua, desas mestras de caderno, lapis, marxe e escrupulosa ortografía; esas mestras que se fan odiosas mentres sofres a súa afiada rectitude e que, co paso dos anos, acabas por amar cun fervor fanático. Dicía Neruda, tan malquerido hoxe, “que la severidad sea una condición de la alegría / para que así seamos indestructibles”. Canto doe a severidade, e como gorenta a alegría de vivir sen medo. Antes de encetar a miña viaxe, un coche atravesóuseme no camiño. Estaba eu aparcado –mal, digámolo claro- e un utilitario branco como unha patena atravesóuseme diante, de maneira que nin me deixaba saír nin el daba manobrado para saír do apuro en que estábamos os dous. Estaba a piques de abouxalo a pitadas cando vin aquel aceno. Quería que fose alá. E fun.

– ¿Podría indicarme para dar la vuelta, por favor?

O ton de aquel home non deixaba lugar a dúbidas: tamén el tivera unha mestra de dicción pulcra e amante das liñas rectas. Así que indiqueille como cometer o pecado que eu mesmo cometera minutos antes, dando volta ao coche na explanada do xardín, naquelas lousas que conducían ao garaxe onde eu agardaba que el saíra de diante. Vin o “L” no cristal de atrás e quixen comprender: ou acababa de sacar o carné, ou non acababa de afacerse ao cambio manual, ás dimensións do coche ou á posición do condutor nas mingurrias que nos venden hoxe, nas que é imposible ver o morro do coche e tes que adiviñar ata onde podes chegar sen esnafrarte. Dúbidas que me ofrecera aquel acento suave co que se dirixira a min cando me falou.

– ¿De donde vienes?

Os dous sabiamos que había pouco que chegara, e así todo encontraba a súa explicación.

– De Colombia.

Puiden contestarlle que eu nacera panameño. Pero o único que dixen  foi, mentres podía oírme:

– Buena suerte.

Na homenaxe houbo palabras emotivas, discursos e bágoas, agasallos, erudición, amor e bo viño para regar un xantar espléndido. De volta, no Roupeiro, o que fora corpo de pomba era unha mancha branca no asfalto. Este é –de momento- case un país libre.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s