Todo o que segue comezou apenas hai unha hora, cando o kindle, a aplicación de Amazon que me proporciona lectura neste arredado recanto se negou a descargar o libro, ese libro no que ía pescudar para unha novela que levo algo así como dez anos escribindo. A culpa é de Roberto A. Rodrigues, que pedía polo facebook traducións da palabra “acojonado” para un seu traballo. Eu vin o marrao arrecantado no cortello e estou oíndo ao avó cagar en ros por deixar acorar o porco, por non telo agarrado para levalo ao chedello coa necesaria decisión, para que non lle dera tempo a ventar o fin que o agardaba; vin o animal teso e salvaxe, recordo como evitamos os desesperados dentes da criatura para conseguir arrastralo a unha morte de ferro e sangue negro, un sangue que houbo que tirar, pecado que avó nunca perdoaba. Roberto quería unha tradución na mesma liña obscena da palabra orixinal, e iso deume que pensar sobre o repertorio escatolóxico da fala coloquial do castelán fronte a munición de eufemismos que gasta o galego coa roupa tendida e a xente necesitada de retella.
O tema daría moito de sí, pero estes son tempos de fugacidades, e da televisión chegou un augurio de temperaturas primaverais a comezos deste Nadal, tan distante de aquelas neves que pintaban a porta da corte na que acorou o marrao. A celeridade que impoñemos ao pensamento recordoume a pequena digresión sobre o cambio climático que me permitín hoxe nunha clase por conta da curva hiperbólica da proporcionalidade inversa. Lembrei a Trump rindo dos prognósticos de quecemento do planeta na chegada do inverno estadounidense, e a constatada realidade de descensos da temperatura invernal da costa atlántica europea a consecuencia do desxeo do Ártico, e como a temperatura do planeta segue a subir baixo un sol impoluto como o da pequena idade de xeo. Algo anda mal se lle baixas o corno a estufa e o cuarto segue a quecer, anque iso debe ser desconfianza de galego, seguramente.
Resulta cómodo velas vir, botarse atrás e deixarse ir, como dicía o presidente Albor, supoño, aínda que vendo a pirámide de poboación e a súa influencia na xeración de renda non sei se seguir golfeando ou facer como Roberto e mirar de facer por me presentar a algún premio, a pesar de todos os pesares. Que a xubilación non deixa de ser unha promesa e aqui manda aquilo de “prometer hasta meter…” Como se dicía nos oitenta, cando os meus coñecidos da Falange ensinaban, ufanos, o carné de AP, confesando sen miramentos unha estratexia de infiltración da que agardaban resultados a medio e longo prazo.
Daquela, unha muller tiraba unha foto cunhas alumnas súas no Kabul aínda prosoviético, todas elas vestidas á moda occidental e Josep Borrell debía traballar en Hacienda. Non recordo terlle oído a Pepe Blanco falar del, aquel ano no que Compostela se disolvía en promesas e futuros, cando eramos tan novos que Suso de Toro nin sequera publicara Caixón desastre. Non sei que me empuxa a talabartear desta maneira, pero aqui ao lado teño apuntada unha frase de Luís Rosales:
“Nadie regresa del dolor y permanece siendo el mismo”
Que debe ser unha cita errada. Ou non, ás veces a xente chía de memoria e non falla. Non sei eu que dor levou ao señor Borrell a esa Sociedade Civil Catalana coa que agora tan boas migas fai. A min aínda me doe contestarlle a Guillermo de la Dehesa -que recollera os nosos polgares para levalos de Madrid a San Rafael- que qué pasaba co naval, naquela viaxe que nos traía de regreso das Luces de Bohemia, que montara José María Rodero antes de deixalo todo, co Gernika batendo ainda nos nosos ollos asombrados, tanto coma os oidos do porteiro que, cando lle pedimos a entrada preguntara, procurando arredar as sílabas para facerse entender:
– ¿Es-pa-ño-les?
¿Qué iamos contestar?
– ¿Y luego?
En fin, que Suso acaba de sacar unha novela, como quen dí, en tres idiomas, e queixábase no seu TL (creo que se di así) de que unha súa lectora e amiga usualmente ben informada ignoraba o feito. E preguntábase se non estaría “desaparecido” en tres idiomas. Ou nun e dous dialectos, como nos predicaban os devotos do Partido Humanista en procesión contra A Coruña, aos que lle debemos non ter perecido en La Bañeza aquela noite de Febreiro. Un deles tiña os ollos garzos, sotaque arxentino e o vulto do ferro na sobaqueira mentres lle puña altares a Videla e a Escuela de Mecánica de la Armada: a deus grazas conducía mentres turraba da miña lingua e … En fin, que o paso ben lendo os chíos de @AriaAber e outros poetas máis ou menos novos dos Estados Unidos, goréntanme os seus apelidos hispanos e esa voracidade da segunda xeración de inmigrantes conquistando o seu lugar ao sol mentres recordo a Eusebio Lorenzo preguntándome como escribía “névoa”, e así foi como nunca publiquei en Dorna: tal vez porque nunca sentín esa fame de segunda xeración, que precisa demostrar que si, que o merece. Acórdome daqueles anos do Modus en fumeira eterna, a Corcón improvisando no Dadó Dadá -nas mesas, o escenario era de Rompente- e as voltas que dabamos para conseguir facer un libro e, de feito, publicalo. @Aricisco estaba hoxe contento pola publicación dun poema seu nunha tinyletter, e conmóveme que Robert de Niro sentenciando que “novembro é o peor mes do ano” xa non me diga nada. Deben ser as Bandeiras Rotas das que falabna Labordeta.
No ceo está asomando Orión, o cazador, e arrepíame o sorriso dun rapaz de Islamabad cos pantalóns curtos e un cachorro nos brazos, porque a tenrura ten sempore os mesmos acubillos, e eu tiven un moi parecido cos seus mesmos anos.
Prensa Libre dime desde Guatemala que Andrea Guzmán ten organizado talleres de pintura pàra nenos traballadores: nenos que gastan as horas vendendo tortillas, repartindo almorzos aos traballadores ou outras mil pequenas xeiras. Case aposto que puxo ela a pintura e os lenzos, e que na veciñanza haberá quen a critique por sabichona, metiche e outros adxectivos impronunciables, mentres escoito ao avó : ” o traballo do neno é pouco, e o que non o aproveita é un louco”.
Debería abrir tinyletter.com@alba-cid e deixarem levar pola voz tan suave de Al_ou_swanehals, pero vou imitar a Aricisco e amosar o meu contento por ver publicado o meu conto no último número de Contos Estraños, dedicado aos Encontros na Terceira Fase, mentres lle pregunto a Google skymaps que estrela é esa que non quero recoñecer por riba de Orión. Que un vai indo vello, e anque entre os cipreses e as árbores que prantei non quixen nin rastro de gato ningún non sei eu se faría ben.