Materia pendente

  1. APARENCIAS

Para durmir necesitaba taparse. Se non sentía a saba por riba do corpo non era quen de durmir. Non sabía moi ben cando nin onde lle entrara esa teima, pero mesmo nas máis calorosas noites de verán tiña que botar algo de roupa por riba do corpo, aínda que por baixo da saba a pel pingase: se descubría un centímetro de epiderme descuberto por baixo do pescozo sufría un ataque de ansiedade: a respiración alterábaselle, dáballe un ataque de urticaria e como non agarrase ao momento a saba para cubrirse berraba como un porco no coitelo. Por iso acostumaba durmir inmóbil, co teléfono desconectado, e unha luz tenue prendida a rentes do leito, para lograr vencer na menor cantidade de tempo posible eses episodios de frenesí polos que os veciños presentaran queixas ao administrador da comunidade, que lle foran comunicadas de forma moi pouco diplomática por este, insinuando que as prácticas amatorias debían ser máis discretas, so pena de sufrir unha denuncia por escándalo.

Aquilo convocáralle un sorriso triste, que levaba anos sen sentir a proximidade doutro corpo, pero a evidencia do prexuízo xa non lle metía a carraxe no corpo. Unha das cousas que agradecía á idade era esa capacidade de non reaccionar ás ofensas da estulticia. Tiña o abrecartas na man e cravoullo no corazón: o corpo derrubouse silencioso e cunha pinga de sangue negro loitando por saír daquela sorpresa. Debía buscar un novo aloxamento, cismou, mentres desangraba na bañeira aquel corpo, antes de esmigallalo e metelo no conxelador. Xa pensaría logo que facía con el.

 

2. O GOLPE

Aquel era un exame difícil, e coa teima de sempre, a maioría tentara arredar ese cáliz pospoñéndoo indefinidamente. Os determinantes e as súas regras, as matrices e esas contas estrañas con conxuntos de números metíanlle medo a moitos, como todas as cousas coas que bates por vez primeira: a novidade e unha certa tendencia da profesora a incluír nas probas preguntas “novidosas” respecto aos exercicios repetidos na clase construían ese ambiente, que se mesturaba coa natural tendencia á galbana propia dos estudantes, a pesar de que todos eran ben conscientes de que ese era o último ano de instituto e que os agardaba a universidade –esa desexada fuxida do cárcere familiar- ou a continuación da rutina triste dunha cidade durmida.

A profesora negárase a permitir esa indolencia coa súa habitual sequidade, a proba quedou fixada e todos soubemos que de aí xa non se movería. Chegado o día, o reparto do cuestionario foi realizado na orde acostumada: entregado por orde de lista, en absoluto silencio, e non, como noutras clases, correndo as fotocopias polas filas de adiante para atrás no medio de preguntas e respostas de última hora. Andabamos pola metade daquela experiencia dolorosa cando, contra todo o imaxinable, a porta da aula abriuse cun ímpeto desaforado, e a profesora de bioloxía entrou berrando:

– Golpe de estado! Están dando un golpe de estado!

A algarada foi notable, e alguén quixo aproveitar a ocasión para deixar aquela xeira atafegante.

– Silencio! Con golpe ou sen el hoxe hai exame! O primeiro que levante a cabeza está suspenso! Ricardo: senta ou vas fóra xa!

E si, fixemos o exame. Os vinte minutos que seguiron foron unha viaxe temerosa polo papel, atravesando electricidade que deixaran no ambiente o medo transmitido por unha e a fereza na defensa da rutina demostrada pola outra. Recordo que saín a unha rúa que, naquel instituto inaugurado a penas tres anos antes, acollía o tremor dos magnolios plantados ese outono, que nos dispersamos en silencio, que corremos para as nosas casas á procura de non sabiamos que.

Recordo abrir a porta da casa e sentirme recibido polo silencio. Os pais non estaban. Marcharan á aldea, non me digades a que. Seguro que o dixeran, pero con dezasete anos, a quen lle importan as ocupacións dos pais? Recordo prender o televisor entre as confesións dos irmáns, desorientados polo feito de verse buscados na saída do colexio polos tíos, que os encerraran na casa e os advertiran seriamente de non saír baixo ningún concepto.

Recordo –falsamente- prender o televisor para encontrar un son monocorde, unha música que me trouxo á memoria os nove días de aburrimento seguintes á morte de Franco, e a mesma sensación de escuridade ameazante deslizándose polo peitoril das fiestras, polo fondo das portas… Eu tiña que saír. Tiña que desobedecer aquelas ordes de silencio e recollida. Tiña que facelo porque acababa de afiliarme á Asamblea, o carné de ERGA coa súa estrela vermella agochada no fondo da carteira empuxábame a investigar que era o que estaba sucedendo. E saín. Saín contra as ameazas, as ordes e contra o cuartel da Garda Civil, a penas a uns poucos metros de distancia da nosa casa, e no que os coches entraban e saían con relampos azuis. E contra o medo dos irmáns, aos que abandonei coa promesa de volver deseguida.

Boteime a andar polas carreiras desertas buscando sinais da veracidade do golpe. Baixei buscando observar os lugares críticos sen ser observado por quen puidera estar alí: a parte do cuartel, coas súas entradas e saídas de coches, diante do Goberno Civil non había ninguén. Nada diante da delegación do Banco de España, ninguén enfronte do Concello, escuridade nas sedes de todos os partidos, e sentindo o eco dos meus pasos nas pedras da cidade vella desistín de subir a San Francisco, ver que facían os militares.

Recordo que pensei, atravesando o silencio e a negrura do medo que pousaba como a néboa sobre as carreiras desertas, que o sangue non había chegar ao río. Foi unha sensación difícil de aturar: dunha banda, aquilo tiña pinta dunha comedia sinistra, e doutra, dunha cagarría xeral dos paladíns da democracia. Dos heroes da liberdade.

– Que encontraches por aí abaixo?

Esa foi a pregunta que me recibiu.

Despois de prender a radio deixeime caer no sofá, antes de contestar:

– Nada. Non pasa nada. Non vai pasar nada.

Case corenta anos despois non creo terme equivocado. En nada.

3. LEGAL ALLIEN

Sting cantaba que era un “legal allien in New York” e el facíalle os coros mentres botaba os ollos a pacer nos corpos das mozas vestidas de verán. Aqueles corpos de saias fráxiles, tremelicantes como bolboretas na tarde de agosto, na que o termómetro insistía en que estaba no recibidor do inferno; aquelas saias bambeándose sobre as coxas de pel tersa e cor canela, bronce ou calquera ton entre o branco e o negro ébano, aquelas saias eran o único que conseguía espertarlle un mínimo interese pola especie  humana.

A furgoneta deslizou entre o tráfico enganoso da media tarde: había unha ringleira de coches movéndose coa canseira dun verme entre o valado das obras ás que, por fin, se lle adiviñaba unha data de remate. Non puido evitar fixarse na rapariga do pano laranxa e a camiseta de tirantes. O pano caíalle polo pelo negro e rodeáballe o pescozo coa suavidade da seda, aloumiñaba os ombreiros de bronce, e desfacíase en flocos sobre a camisola verde. Estaba devorando aqueles detalles cando o claxon do coche de atrás o devolveu á realidade.

Atafegouse procurando un sitio onde aparcar; finalmente atopou marabillado un oco na zona de carga e descarga a dous metros do portal que buscaba. Colleu a caixa de ferramenta e chamou ao terceiro esquerda. A voz preguntou e el identificouse: a porta abriuse, e trabou a porta do portal coa caixa da ferramenta. Descargou no portal e foi subindo as pezas dos mobles no ascensor, pero o somier e o colchón non cabían e tivo que cargalos escaleiras arriba, esforzándose en non raiar as paredes. Chegou suando por baixo do plástico, e agradeceu o remate da xeira. A muller agradeceulle o traballo convidándoo a unha cervexa, que aceptou e baixou dun grolo: estaba tan seco por dentro como empingorotado por fora. Tocou o timbre e abriuse a porta: alí estaba o pano laranxa enmarcando dous faros verdes, raiolas de noite asomando por baixo do lume. Recoñeceu aqueles ollos e quixo esconderse, facerse parafuso e perderse na caixa da ferramenta.

– Luis! Canto tempo! Pero que fas aquí?

Escapou disimulando os nervios, cunha desculpa falsa, consolándose pensando que, de algunha maneira, a catedral dos seus soños, era obra súa. Outra vez.

 

4. CAN DE PALLEIRO
A auga batía no tellado acompañando a respiración da muller. O home levaba anos de insomnio ás costas, e trataba de aproveitar as horas de escuridade para a lectura de novelas. Esa noite escollera na biblioteca un clásico de aventuras, para limpar o amargor dos Straw dogs que Sam Peckimpah ceibara nunha canle de televisión. O torbón levara a luz algures, e a novela durmía na mesa. O estalo dun trono acompañouse dun resplandor vivo que debuxou contra a parede un rostro malévolo. Estirou unha man procurando a chave da luz:

–       Se fixeras por durmir!

O tiro e aquela súa vida perdéronse no rumbar do trono.

5. DOUS AMIGOS

1.

Unha brisa levantáballe as guedellas. Facíanlle cóxegas nos ollos que non quería pechar, tiña as mans atadas e as meniñas dos ollos fixos no cano dun dos seis fusís que lle apuntaban. Detrás dese cano estaba o Luis da Flora. Recordou aquela vez que o mestre os castigara por berrar como esgazados cando entrara un pardao pola fiestra que daba á Rúa das Flores. Chegoulle o recendo a margaridas e crisantemos que alagaba aquela aula cando se achegaba o Día dos Defuntos. Ese día quedaran sen recreo, e contemplaron en silencio ao mestre mentres escribía a tarefa no taboleiro: o seu castigo era facer sumas e restas, multiplicacións e divisións.

O Luis rematou deseguida, e pasou todo o tempo picando nel, sen conseguilo. Medraran comendo o asfalto das carreiras, e cando estalou a guerra, a el recrutárano os Camisas Verdes en Monte Alto, mentres facía cola para matricularse na Universidade. O Luís tivo que apuntarse cos Chaquetas Moradas en Vedraio, cando pasaron polo taller do pai.

O sarxento ergueu aquela man co sabre e os dedos de María aloumiñáronlle as tempas, retirándolle o cabelo do rostro para poder recibir aquelas balas cun sorriso. E cun trono rematou todo.

 

2.

Unha brisa levantáballe as guedellas. Facíanlle cóxegas nos ollos que non quería pechar, tiña as mans atadas e as meniñas dos ollos fixos no cano dun dos seis fusís que lle apuntaban. Detrás dese cano estaba o Ramón da Sara. Recordou aquela vez que o mestre os castigara por berrar como esgazados cando entrara un pardao pola fiestra que daba á Rúa das Flores. Chegoulle o recendo a margaridas e crisantemos que alagaba aquela aula cando se achegaba o Día dos Defuntos. Ese día quedaran sen recreo, e contemplaron en silencio ao mestre mentres escribía a tarefa no taboleiro: o seu castigo era facer sumas e restas, multiplicacións e divisións.

O Ramón era lento coma un caracol coas contas, e  por máis que quixo axudarlle a acabar dunha vez –o mestre estaba apampado lendo no xornal- o moi badoco non se deixaba. Medraran comendo o asfalto das carreiras, e cando estalou a guerra, pasaron polo taller do pai en Vedraio os Chaquetas Moradas levárono canda eles, queiras que non.

Ao Luis recrutárano os Camisas Verdes en Monte Alto, mentres facía cola para matricularse na Universidade. O sarxento ergueu aquela man co sabre e os dedos da Rosa aloumiñáronlle as tempas, retirándolle o cabelo do rostro para poder recibir aquelas balas cun sorriso. E cun trono rematou todo.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s