Tanto me ten a librería

Unha das cousas que sempre me chamou a atención do “sistema literario galego” é a numantina e tópica defensa da edición en papel e das librerías. Persoalmente tiven moi boas experiencias con libreiros como Xavier Paz, da extinta Torga, Moncho de Tanco, e Xavier de Eixo, pero iso non evita a realidade de que a inmensa maioría do sector simplemente podían dedicarse á venda de chourizos que non habían notar a diferenza. Seguramente as editoras teñen a obriga de coidar as súas canles de distribución, pero calquera persoa con algo de parte nisto da “cultura galega” pode contar con facilidade as librerías do país que se preocupan minimamente do libro galego. Non creo que lle falten dedos para esa conta. E todos os editores teñen esa conta feita, pero rara é a vez que che organizan unha rolda de presentacións como non sexas… Non sei se me explico, pero eu ben me entendo.

Recordo que a única vez que a asociación “oficial” e maioritaria de libreiros me pediu algo foi un favor: un conto para un volume colectivo que se presentaría na xuntanza anual de libreiros españois que se celebraría nesta cidade. E que llo fixera en español e gratis. Recachando os dentes e pensando -como me ensinaron de pequeno na aldea- que axudar ao veciño é unha obriga, cumprín o mellor que puiden aquela encarga, para atopar que nin sequera fun convidado a acto ningún relacionado con aquel evento. Así que, vanme perdoar os defensores do papel e as librerías, pero eu vou defender ao libreiro que me ofreza a cortesía mínima necesaria en toda transacción comercial, -espazo nos escaparates, visibilidade nos andeis- e aos demais, con permiso, non lles penso conceder o beneficio de pensar que lles debo nada. Máis aínda se penso que o noventa por cento das persoas que falan o idioma no que escribo viven en lugares que eses libreiros non pisarán na súa vida.

Si, Amazon pode ser o demo. Pero se vives en Glasgow, Panamá, Chaguazoso, Porqueira, Cristosende ou O Piornedo, dille ao libreiro que che leve o libro á casa. Persoalmente teño baixado libros a unha cousa tan pouco estendida coma o teléfono  en Espandariz, As Barreiras, Santiago da Medorra e outros lugares aínda máis estraños e ignotos para os membros desa pretendida industria “nacional”.  Así que, con ou sen permiso, hai libreiros bos pero o demo non é malo. E, con perdón, o demo paga.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s