Pura tristeza (2)

Estouno vendo. Está detrás daquela parede, e de cando en vez asoma a cabeza no portelo. Ten o fuciño negro e a cabeza pinta, coma o corpo. Un corpo non moi grande, fino coma un asubío, por non dicir que pesa pouco máis que unha argana. Case podo dicir que lle pesan as manchas no lombo mentres o vexo desconfiar de calquera cousa que se lle achegue a menos de vinte, trinta metros… Sabemos de onde ven. Cando fomos dicir que andaba rondando a nosa casa dixéronnos que lle pegaramos un tiro.

Estouno vendo, desde a fiestra. El sabe que o estou vendo, e os pasos tremelicantes vano achegando á casa. Gústalle. Sei que lle gusta porque a veciña dinos que se nos mete na aira cando non estamos. Que se deita na alfombra da entrada, como tomando as medidas dun soño. Nunca o vimos nela. Vémolo achegarse e fuxir con calquera aceno. Sabemos que esa miga de pan duro que deixamos onte na parede desapareceu, igual que antonte.

A lei di que non podo atendelo –a multa é de cinco mil euros- porque nestes días ata o amor debe estar vixiado polo estado. O estado que subcontrata centros de atención con catro cadelas. Unha atención consistente nun misericordioso encerro. E devolución ao propietario. O da escopeta de máis arriba, se se recordan. Chámolle Ile. De Ilegal, claro. Estouno vendo achegarse e sinto que onte crucei unha fronteira cando comprei o saco do penso.

Eu tamén son ilegal.

 

O que queira entender, que entenda.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s