Petisco, agacharse, serpentín, afeminadamente, neopositivista.
Mastigaba no petisco e unha sensación de pánico asaltouno ao sentir como as chaves agrandaban o burato no peto do pantalón e comezaban a escorregar pola perna, agarradas a un último fío. Puxo cara de circunstancias para despedir ao seu interlocutor: un pesado emperrado en convencelo da necesidade de rescatar o modo de vida antigo como única solución para a crise ecolóxica do século XXI, e mentres o pensamento arrebolaba contra aquel chaleco branco e inmaculado unha furibunda sentencia:
– A ti queríate ver eu sacando no esterco.
Os seus labios pronunciaron unha frase máis propia do acto de sociedade no que se encontraban.
– Desculpa, teño que te deixar un momento.
Collendo o carreiro do baño para evitar ter que anicarse no medio daquela morea de xente a recoller as chaves da casa da que nunca debería ter saído esa mañá, cismou, recordando a multa que lle espetaran polo camiño, o rebentón posterior da roda, e o inevitable retraso co que chegara a aquela entrega do maior premio literario do país, ao que aspiraba como único remedio para poder evitar o desafiuzamento.
A friaxe do metal estaba xa a media coxa cando bateu coa espléndida beleza de Irma, mal chamada a doce, que nun rapto de condescendencia plantoulle dous bicos na meixela e unha pregunta malévola:
– E como ti por aquí?
– Convidáronme e non tiña escusa – dixo, querendo pasarlle polo fociño que ambos estaban competindo por aquel cheque.
– Non te fagas moitas ilusións…
– Xa. En fin, se me perdoas…
Deixou atrás a sorpresa daquel rostro non afeito a ser ignorado, e quixo seguir o seu camiño mentres as chaves comezaban a bambearse onda os xeonllos, guindadas dun único fío que, non sabía como, aínda termaba delas. Maldicindo non ter posto os vaqueiros en lugar de aquel traxe que levaba na lapela o recendo do abandono viu chegar a Marcelino desaforado:
– Estamos en todas as quinielas!
Estamos? A, claro, era o seu axente. O que pelexara con el para que rescatara aquel manuscrito de había dez anos e o presentara ao premio.
– Estou entusiasmado! – dicía afeminadamente, sacando relucir unha penuxe ostentosa e desafiante.
– Xa veremos – retrucou, cun aceno que quixo ser neopositivista, mostrando un querer polos feitos contrastados absolutamente fora de lugar naquel ambiente, para continuar cun
– Se me desculpas … e un aceno que indicaba o camiño dos aseos.
– Claro, claro, calquera non se pon nervioso nestas circunstancias…
E alí o deixou, imaxinando que unha arañeira termaba das súas chaves, agora xa facéndolle cóxegas na barriga da perna.
A piques de alcanzar a porta do baño repara na figura redonda de Canteiro, o crítico, que parece dirixirse cara el desde o fondo do corredor cun sorriso que non sabe como interpretar, pero que á fin comprende que non é para el, senón para a beleza de Irma que o seguía a poucos pasos por motivos que non quería nin tocar cun pau. Colleu carreira e entro nos baños acelerado, sentindo como aquel último fío crebaba e o acio de ferros saía disparado cara os urinarios verticalmente masculinos, deténdose a escasos milímetros da tragadeira.
Foi agacharse e verse diante do lume, co avó ditándolle as regras para non estragar a potada.
– Lume manso, neno, lume manso.
Mentres a augardente danzaba en círculos no serpentín para acabar caendo por aquel guizo na punta do cano ao cristal deslucido do vaso.
– Queres probar?
Quería, claro que quería, e recollendo as chaves lembrou como aquel lume lle abrasara a gorxa, producíndolle unha tose seca seguida dunha carraspeira longa e aceda.
Así anicado diante daquela louza de arrogante brancura alcanzouno a voz cacarexante de Marcelino:
– Gañamos! Gañamos!
E ergueuse para recibir a gloria.