Necesidade

Empadroar, eflorescente, rectocolite, profanar, andacamiños.

 

 O censor chamou á porta sen obter resposta. Pareceulle que o ollo aquel da porta escurecía por un intre, e desexou que a porta se abrise para acomodarse nun sofá mentres sometía aos habitantes da morada á enquisa de rigor. O seu máis que oficio era canseira, arriba e abaixo coma un andacamiños, desde que os primeiros babilonios deran coa roda e coa teima de rexistraren na arxila os seus domicilios. E non fora o nacemento de Xesús en Belén por causa da orde de empadroar aos súbditos seus do imperial Augusto? A porta non se abriu para o censor, que anotou o enderezo para regresar nunha próxima ocasión, urxido por unha rectocolite que veu sumar ao cansazo os síntomas dun apremo insubornable. Correu escaleiras abaixo, temeroso de acharse eflorescente nos escaparates e profanar co seu deplorable aspecto a tranquilidade daquela rúa deserta na segunda hora da mañá, esa na que os obreiros xa pasaron e os comercios non abriron aínda. Atoutiñando rexistrou na distancia o rótulo dun bar, aberto contra calquera posibilidade de negocio, e correu cara aquela entrada coa ansia ben visible no rostro ateigado de fulgores rubios, conseguindo entrar coa man atada á cintura nunha muda pregunta que lle foi contestada cun aceno:

 

– Ao fondo á dereita.

 

Sentou naquel trono prístino e baleirou a súa angueira, perdendo o rostro calquera traza de rubescencia para amosarse cerúleo no espello que encarou tras erguerse, non sen certa dificultade. Tirou da cadea e saíu ao mundo, procurando erguer un ánimo que non o sostiña.

 

– Unha manzanilla – pediu ao camareiro cun fío de voz, e o home máis que ouvir adiviñou os seus desexos.

 

Tiña que ir ao médico, claro. Pero xa botara as contas: se quería pagar o aluguer necesitaba aquel contrato, aquelas míseras horas eran as paredes da súa casa. Os censores no tempo de Augusto eran funcionarios. Eran outros tempos, pensou, mentres a manzanilla lle gorgolexaba nas tripas. Tiña que volver atrás e petar na seguinte casa. Pagou o café e marchou facer aquel traballo que o estaba matando.  

 

 

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s