Reclamación

Alagar, tulipa, domesticable, agravación, notabilidade

O adro viña de se alagar.  Outra vez, e non pasaran dous días. Podía ver ao señor abade dando voltas na casa parroquial, a ollar para un diestro inculto e alén, a veiga, as fumeiras erguéndose dos tellados, moi ben encanadas polas esveltas chemineas que apuntaban ao ceo coma dedos acusadores. Foi o ceo o que descargou aquel ballón interminable. O vento domaba as polas dos carballos: as máis novas e as máis grosas. Na fraga sentíranse dous ou tres estralos secos, e non eran de trono. O señor abade, co seu corpo redondo e domesticable, afeito a embairar no costume, na rutina, remexía no cuarto dando voltas e voltas, cunha inquedanza en proceso de agravación acelerada que o empuxaba con ansia fóra daquelas catro paredes.

Levantara o teléfono dez veces, pero unhas non daba sinal, e as outras, cando plantexaba a urxencia de por remedio á inundación non recibía outra contestación ca:

– Non terá tanta urxencia.

Ou

– Xa secará cando pare.

Cando non recibía unha fresca en toda a cara:

– Que o arranxen os veciños!

O señor cura estrañaba tempos mellores. Tempos nos que a notabilidade do clero compensaba de algunha maneira os sacrificios que impoñía o oficio. Ben me decataba e, por unha banda, case llo tiña en conta e dábame gana de marchar, porque o estaba vendo diante miña limpar a tulipa da lámpada cos ollos para non ter que me mirar e volver á nosa discusión. Pero, pola outra, a quen lle gorenta durmir coa cama enchoupada? E como xa non era a primeira vez nin a segunda, e alí ninguén daba conta de erguer nin un dedo, decidín facerlle unha visita ao señor abade e non volver ao sartego ata que fixera o seu traballo. Que para algo lle sachamos a horta mentres tivemos corpo para facelo.

P.S. O anuncio este de aqui abaixo está moi ben e tiña gana de probalo. Mágoa que non haxa opción para a versión en galego nin en portugués. A ver cando chega.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s