Un fallo da memoria

 Cordo, cigurat, electromagnetismo, carrañento, pinchorra

 

El pensaba que estaba cordo, pero tiña as súas dúbidas sobre a corrección da teoría do electromagnetismo que estudara. Claro que o seu saber estaba algo carrañento, despois de tantos anos de desuso, pero a pinchorra aquela tiña que medir máis de cinco metros, e bailaba na escaleira dun cigurat que subía cara o ceo como a torre de babel. Aquel bicho convidábao a subir por aquelas escaleiras; parecía manso coma un can malia ter a mesma aparencia dun deses lagartos xigantes do Oriente, eses que devoran un home mentres este sofre a súa deglución polo monstro paralizado polo veleno.

A teoría do electromagnetismo establecía unha coherencia entre as interaccións físicas e o cadro temporal que non encaixaba na súa visión: aquilo que vía parecía unha escaleira ao ceo, ou, por ser máis claros, a mesma Torre de Babel, pois as escaleiras perdíanse entre aquelas nubes ás que se dirixía a pinchorra cun entusiasmo que el non acababa de sentir. So a curiosidade lle fixo seguir ao réptil, contra aquela punzada que lle atravesaba o estómago: era a mesma sensación que sucedía á parva, esa copiña de augardente que encetaba o día, espertándoo de vez cun incendio no bandullo.

Subiu chanzos un tempo que lle pareceu unha eternidade, sentindo como se lle anubaba a vista e comezaban a pesarlle as pernas, como es pés daban en pegarse ao piso e negarse a continuar aquel ascenso mentres o demo da píntega corría polos dentes daquela serra que lle tronzaba as pernas como se fora costa abaixo, volvéndose de cando en vez para chamalo cun son parecido ao renxer dun ferro contra outro, que por unha misteriosa razón, o seu caletre descifraba como unha prema constante que xa estaba comezando a sulfuralo cando viu que o bicho paraba, daba media volta e acenaba cara el indicándolle que subira para contemplar aquela paisaxe que debía ser espectacular, pero na que o home, absorto no esforzo do ascenso, non reparara.

Seguiu aquel convite e pousou no derradeiro chanzo, botando a ollada á paisaxe que lle ofreceu diversas escenas da súa vida: o momento do seu nacemento -que identificou porque coñecía á súa nai, que era a muller que estaba parindo e porque alí, noutra loucura de abril, nevaba, tal e coma sempre lle contaran do día que naceu. Alén un chisco á dereita a comuñón, co seu traxe de xeneral envolvéndolle o corpo de cativo con aspiracións. O primeiro bico na palleira de Atanasio, dúas escenas amorosas sobre as que pasou arrepentido daqueles fracasos, a borracheira do día que por fin conseguiu licenciarse da mili, o atropelo do coche, o día da voda, a filla que naceu nun xaneiro soleado, o coche aparcado diante do chalé hipotecado a trinta anos e a maceira encantada que lle vendera o cigano, dicíndolle que na terceira lúa chea de novembro aquelas mazás tiñan a curiosa propiedade de concederche un desexo.

Pensou que desexara mentres mastigaba a carne aceda daquela mazá, a sete anos da visita do cigano, na terceira lúa de novembro mentres a ciática lle facía unha visita e unha cambra se lle agarraba a unha perna con dentes de lobo. E recorda que quixo mandalo todo a tomar por saco e desaparecer, mentres a pinchorra abre a porta e unha luz branca chama por el con insistencia, que a cambra está agora no peito e esa pouta xa non é de animal…

bookcoverpreview_definitiva
O ceo e as horas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s