Mes: Novembro 2016

Avó

Cinco palabras_11

Inofensivo, pavillón da orella, recristalización, funeraria, fole

 Sempre me parecera inofensivo. Eu víao alí, sentado nas escaleiras da súa casa, vendo pasar o tempo, con ese aire distraído dunha vellice que non ten canseiras, fóra de tomar o sol – cando dá – ou a sombra, se a calor derrete os miolos dos paxaros. Imaxinábao outro home canso, encambado sobre a terra toda a vida, que agora mataba o tempo a sonecas botando, de cando en vez, un ollo á carreira deserta, onde catro pitas depenicaban unha miñoca suicida ou un can rañaba o pescozo con dificultade. No pavillón daquela orella detíñase o silencio da tarde: eu pasaba diante súa camiño da fonte sen outro afán que perseguir biosbardos, como quen di, que daquela parecíame o único modo de acurtar o verán, un verán que se alongaba por días infinitos, tan claros como solitarios naquela aldea onde nin un só día deixaba de estrañar a cidade. Bo! Acaso minta. Cando viñan as netas da Claudia o conto era outro, pero botaban sete días e despois a conta era aínda peor.

Non era home de moitas falas, e eu pasei diante del o último dos seus días sen percibir a baixada do ton no saúdo puntual e distante. Ía eu correndo que lle atinara a unha merla coa escopeta, e tiña presa por cobrar a peza. Para cando souben que nunca máis me seguirían aqueles ollos xa estaban os da funeraria entrando na súa casa con tan pouca discreción como a lúa corre polo ceo da noite.

Foi entón que as bocas se abriron, e aquela imaxe que eu tiña do home estalou coma o xeo debaixo das chancas. Do fole das lembranzas cada veciño foi sacando a súa, e o rostro do home pareceume que sufría como unha recristalización, unha reconstrución completa ao compás daquela música. Mirei á avó cuspir naquela tumba, e souben interpretar todos os silencios.

O pasado non volverá

Unha das causas da victoria do señor Donald Trump nas eleccións americanas é a tontería resabida da súa contrincante. Como moi ben demostrou Obama, a un idiota que sobrevive facendo chistes sobre ti so podes contestarlle coa realidade vestida co seu mesmo traxe. Pero hai ainda unha parte da “esquerda” que vive de lealtades inquebrantables, falsas superioridades morais, e diletantes desprezos da realidade, incapaz de comprender que, ademais de ter razón ( e xa veremos se iso é verdade) compren dúas cousas cando menos: que o pareza e que cha dean. 

A triste consecuencia desta campaña, ademáis de elevar á presidencia do país máis poderoso do planeta a quen insiste tanto en parecerse a un cretino que non queda máis remedio que darlle a razón, ven sendo que as eleccións decídense máis pola inacción que pola acción, pola continencia que polo exceso: a inacción e a continencia, fronte á necedade, sempre perden. En consecuencia, cabe esperar un incremento exponencial dos fachendeos e as fantochadas, moi cultivado polos medios de comunicación onde a información xa deixou paso definitivamente ao espectáculo e ao tribalismo. 

Non me cabe a menor dúbida de que nesta nova guerra na que parece terse convertido a política, como en todas, a primeira vítima vai ser, como sempre, a verdade. Unha verdade que aparecerá sometida ao dictado da opinión da minoría maioritaria, mentres a maioría minorizada siga aceptando clichés intelectuais alcuñados por aquela, como que a economía é unha ciencia, que as emocións son a porta do coñecemento -cando este último leva dous mil cincocentos anos fuxindo desas bruxas- ou que existe acción política pura, isto é, non contaminada por intereses económicos.

Para o meu descontento, ningunha das afirmacións anteriores parece estar de moda, isto é: todas elas parecen lonxe de ser unha opinión compartida ou sequera admitida nos foros intelectuais do momento, asi que lamento dicir que o pasado non volverá de ningunha maneira, porque cando un insiste en destruílo, acostuma ter éxito. Ao contrario, a experiencia demostra que empeñarse en reconstruir o pasado acostuma ser un fracaso. Como tentar vivir do aire ou sacar de onde non hai. Claro que esas son frases dun pasado superado, seica.