1.
TENGO QUE HACER UN ROSARIO
CON TUS DIENTES DE MARFIL
PARA QUE PUEDA BESARLO
CUANDO ESTE LEJOS DE TI…
Cando saíu da casa aquela mañá o músico cargou unha dúbida ao lombo. O palco onde ían actuar esa tarde non era moi grande, e aínda que estivese cuberto e non parecera ter ningunha pingada, tocar un día de auga acababa por amorriñalo primeiro e por amusgalo despois. A choiva non é amiga da festa, e se ao ceo se lle daba por abrir as esclusas a asistencia de público había ser máis pequena do habitual, o ánimo da xente para cantar e bailar minguaría, e por máis que nas aldeas a auga non se mire con esa carraxe reconcentrada con que a contemplan os habitantes da cidade, non deixan de se encabronar se a santa non lles tiña lei e lles daba, cando menos, unhas horiñas de sol para facer a festa. Cando o ánimo se encolle, a función do músico, que é especificamente a contraria, faise especialmente difícil, e por máis que sexa unha aldea pequena perdida no lugar onde Deus perdeu as chancas, as malas palabras son máis veloces que a luz.
Con eses molestos pensamentos rillándolle os miolos foi que chegou á cita. Elas estaban alá, agardando por el, preparadas para outra tarde de cancións vellas e novas esvarando nas agullas do reloxo. Non lle cumpría o mapa. Coñecía todos os concellos e case todas as parroquias: xa estivera tocando nelas algunha vez, e aínda que de moitas apenas conservaba na memoria pouco máis que un recendo a gasolina, este mesturábase coa estrada e, de algunha maneira, sempre conseguía chegar ao lugar indicado. Botoulle moitas olladas a aquel ceo. Tiña o aceno do trono en cada centímetro cadrado. E seguiría ameazando mentres montaban o tinglado naquel palco que tiña visto días mellores, pero no que non caía unha triste pingada. Aquela era unha comisión que trataba ben aos músicos: abriu o baúl do coche e empezou a cargar os chécheres cara ao palco.
2
SOBRE SUS CUENTAS DIVINAS
HECHAS CON MARGO Y JAZMIN
REZARE PA QUE ME AMPARE
AQUELLA QUE ESTA EN “SAI”
Mentres o condutor descarga os tarecos e comeza a amorealos por baixo daquel telladiño gasto polo tempo, ela pensa que el sempre o quere montar todo. É cousa súa e non quere a ninguén máis. Por veces cisma que esa teima ten algo que ver cunha frustración infantil: que de cativo sempre lle roubaban os xoguetes ou algo así. Non deixa de sentirse ofendida cada vez que lles impide colaborar na montaxe dos altofalantes, a mesa de mesturas –pouco hai que mesturar, que non son máis que dúas voces e un teclado-e agora, mirando como se concentra na montaxe da instrumentación, comprende que realmente tiña razón: o mellor era que non meteran a pouta naqueles asuntos, non fora ser o demo que. Aínda así, non pode evitar fungar cando non lle deixa meter a man nas conexións. Gustaríalle aprender. Ten moito que aprender aínda da profesión, cando menos iso é o que lle di súa nai, e iso que xa levan máis de dez anos traballando xuntas. Está claro que a vellez e rosmar van no mesmo lote. Iso é o que pensa mentres a música comeza a soar para as catro parellas madrugadoras e a caterva de rapaces corricando polo campo da festa.
Ela é mais de facer ca de pensar, máis de ver a ocasión e tirar para adiante. Súa nai non as cheira. As oportunidades pasáronlle ao lado e nunca foi quen de coller o tren. Unhas veces porque si e outras porque non, o caso é que nunca se decidira a facer nada do que lle gustaba. Ata que lles chegou a oferta de montar o grupo. Tivo que estar coméndolle o cabazo cando menos seis meses ata que por fin deu o si.
Quédaselle mirando un intre, e por un momento pensa onde podería estar se non fose ela súa nai. Cismou que, como nunha película, podía ser que a recolleran do hospicio de moi pequena, porque ela en realidade era filla dun señor marqués con pazo, ciprés e pombal, e unha fábrica, claro, que nestes tempos un marqués sen fábrica non é nada.
3.
ADIOS MI ESPAÑA QUERIDA
DENTRO DE MI ALMA TE LLEVO METIA
AUNQUE SOY UN EMIGRANTE
JAMAS EN LA VIDA YO PODRE OLVIDARTE
Se lle preguntaran a ela non estaban alí. Que demo se lles perdía naquel lugar perdido no medio da nada? Unha aldea que nin sequera cinco veciños tería… Claro que hoxe había máis: a maioría das casas tiñan unha porta aberta pola que entraba e saía xente, unha xente que había escapar correndo en canto rematase a festa. Porque era a festa o único que enchía aquelas casas. Hai xente á que lle gusta lembrar como foi a súa mocidade. Ela pensa que debe ser xente que comía todos os días, porque ela, en canto a memoria non lle falte, acordará sobre todos os demais os días da fame. E inda debía dar gracias que non foran moitos, segundo lle recordaba súa nai -en paz estea- que non acordaba pasar un día farta. Claro que daquela inda non fixeran nin a casa nova: a nai faláballe dos tempos da casa do cumbarrizo, cando compartían o lume -e todo o demais- coa cabra, a única facenda que tiñan.
Por veces dáballe carraxe que non se acordara de nada. Cando era moza -antes non, que lle daba medo- de cando en vez, nas vacacións, tiñan tempo de botar un parrafeo, unha conversa que ela lle botaba nas orellas un pouco como quen rega os nabos: co convencemento de que pouco pode facer o seu traballo. E nesas conversas deprendéralle a súa vida de cabo a rabo. Agora, cando se lle quedaba mirando sen recoñecela, como nese preciso momento, maldicía a seu irmán por empurralos a todos unha vez máis a aquela casa, levantada na cortiña do Liñar, a cortiña que lle compraran aos do Tres Pés (anda que hai alcumes que…) co sangre que deixaran na Suíza, so para darse o gusto de ter unha casa que poder chamar súa e non un pendello ruín ata para os animais…
Ah! Pero era o día da festa. E había que ir. E foran. Alí estaban, no lusco-fusco da tardiña, oíndo a música que tanto lle gustaba.
4.
CUANDO SALI DE MI TIERRA
VOLVI LA CARA LLORANDO
PORQUE LO QUE MAS QUERIA
ATRAS ME LO IBA DEJANDO
Miña irmá rifa comigo todos os días por causa da mamá, pero eu teño que vir. Teño que traela á festa. Xa sei o que di o médico, o que di a enfermeira, o que di a miña irmá e o que di a miña muller. E por máis que me poñan a cabeza tola, eu véxoa mirar o calendario cando se vai achegando o día da Santa e sinto que me negrea o sangue se non as convenzo para vir, polo menos á festa.
Esoutro día a nena achegóuseme e díxome:
– Papá, a avó canta …
Case que lle digo unha animalada, porque eu nunca na vida escoitei cantar a miña nai: sempre lle vin o aceno serio, a cara triste, a ollada cansa. E como a había ter se en toda a vida non fixo outra cousa que traballar como un animal? Tampouco é que a vira moito de nova, que anque eu nacín na Suíza, ao pouco empaquetáranme para a casa dos avós, que case perde o traballo o pai e a nai non daba feito: non podía traballar e criarme. E alá que viñen, coñecer a irmá, aínda que coñecer é moito dicir: que tería eu? Tres anos? Nen iso. Ela de seguida deu en ir á escola, algo polo que nunca tivo moito entusiasmo, e nesas empatamos, que por mais que nos meteron internos para que as monxas e os curas nos fixeran facer carreira, o que nos tiraba a nós era a outra carreira, esa á que brincabamos en canto tiñamos oportunidade. Ela empezou a traballar de seguida, de aprendiz cunha modista, de aí pasou a un taller e de aí á fábrica. Eu entrei na citröen e cando saín montei o taller. Os cartos dos pais deron para a casa, o taller e aínda daban para mandar á miña rapaza á universidade, pero demostrou tanto entusiasmo polos libros coma o resto da familia, e a avó deulle a metade dos cartos para montar a cafetería. A outra xa sabedes de onde saíu. Aí a tes, co parente e a nena, esa neta que nos fai esbaballar a todos, amarrados á nai, perdida esa cabeciña súa saberá Deus ou o demo onde…
5.
LLEVABA POR COMPANYERA
A MI VIRGEN DE “SANI”
UN RECUERDO Y UNA PENA
Y UN ROSARIO DE MARFIL
Esta miña filla é unha comedianta. Moito lle gusta armala. Agora mesmo xa lle estou vendo na cara a intención: leo nela coma nun libro, é o que ten ser nai, que eles pensan que non es máis ca unha rosmona e ti sabes como se o estiveras vendo onde van meter a zoca a próxima vez.
E por máis que fales e digas, por moito que insistas van acabar dando cos fociños no chan, así que, con sorte, o que che queda e ter forre para cando cheguen cos dentes desfeitos mandalos ao dentista. E non me queixo, que podía ser peor. Que o outro inda foi saíndo, pero esta miña filla… Como lle gusta a festa! Cando era pequena alá quedaba, pasmada diante da televisión, aprendendo as cancións todas. E se lle quitaba de ver a televisión -que lla quitaba a ela e a min tamén, que non tiñamos máis ca unha- veña que aparecía na cociña onde eu tiña a radio posta mentres facía calquera cousa e alá a sentía, cantaruxando polo baixo mentres rillaba no lapis e facía como que facía os deberes…
E tampouco é que me estrañe, que teño que o recoñecer: saíu a min, que lle imos facer. Que eu sempre fun festeira, e de nova sempre andaba a correr detrás das bombas. E se me deixaban cantar coa música, que lle queres, era eu a muller máis feliz do mundo. E nunha destas foi que casei e xa aquelo foi quedando atrás, que os rapaces atábannos antes de pés e mans, que tiñas un cativo e aí quedabas, pexada na pata da cama primeiro, e ben pronto na pata da mesa, que na da cama era moito descanso…
Cando me faltou o Manuel, daquela foi que nos vimos no apuro. E a nena non facía máis que dicirmo: tes que volver cantar, mamá… E como cumprían os cartos aí fun buscando, que outro oficio non tiña e limpar portais non era santo da miña devoción, e ai foi cando… Vela? Aí a tes! Xa viu que a vella cantaruxaba polo baixo e xa está chamando por ela. E aí a trae da man, as dúas a cantar e mira ti, a muller dálle un aire, canta ben…
6.
ADIOS MI ESPAÑA QUERIDA
DENTRO DE MI ALMA TE LLEVO METIA
AUNQUE SOY UN EMIGRANTE JAMAS EN
LA VIDA YO PODRE OLVIDARTE
Ás veces tes que escribilo. Non é que queiras, é que non che queda outro remedio. Hai historias que te perseguen, que son como unha maldición, algo que levas ao lombo e que non podes sacar de enriba.
Non sei cantas veces oín a canción. Milleiros de veces. O papá tiña o disco. Un daqueles discos pequenos, que poñiamos no tocadiscos que viñera connosco de Panamá, e que poñiamos unha vez e outra, porque si, ou porque eramos pequenos e compracíanos escoitar as cancións que vestiran a vida dos nosos pais. Eramos emigrantes, e non deixaban de nolo recordar en todos os recantos. Nin alá nos querían:
– Españita! Vendepatrias!
Nin acó nos tragaban:
– Panameños marineros / panameños mari…
Si, recordo que vin un combate de Roberto Durán, Mano de Piedra. Ao día seguinte apertei os puños e acabáronse as bromas. Eu gañei. Outros perderían. Pouco despois, unha secretaria que se chamaba América -hai que foderse- dixérame na secretaría do colexio que non me podía tramitar a solicitude da beca porque eu non era español. Que non era que?
Anos máis tarde, na barra do Fórum, Manolo contou unha desas historias que el conta como ninguén. Falaba dun paisano que marchaba á emigración. Seica ían os dous no mesmo autobús, que isto de buscar traballo fóra do propio país case parece unha etapa máis na vida de todos nós. O home nunca saíra da aldea, naqueles tempos nos que á aldea só chegaba a radio, e mal.
En chegando a Zamora, ao ver aquelas chairas inmensas o home, seica, pegou a cantar:
“ADIOS MI ESPAÑA QUERIDA…
7.
YO SOY UN POBRE EMIGRANTE
Y TRAIGO A ESTA TIERRA EXTRANYA
EN MI PECHO UN ESTANDARTE
CON LA ALEGRIA DE ESPAÑA
Dixéronme que te foras. Dixéronme que marcharas e que non habías volver. Que colleras o camiño das Américas e que non habías volver. Eu chorei, sabías? Como o habías saber se andabas por eses camiños de Deus, perdido, e grazas que non deches coa Garda Civil, a mesma que nunca deu contigo cando cruzabas o río e marchabas a Lemos por aceite ou tabaco para sacar catro cadelas co estraperlo e matar a fame, aquela fame que nos roía, que nos entregaba ao sono na escola onde don Genaro nos espertaba a moquetes, total para que? Como se catro letras e dúas contas foran sacarnos daquela miseria, que non tiñamos máis que aquela cabra que morreu no inverno do corenta e seis, digo eu que de vella, e dar daba igual do que fora, o caso é que se acabou o leite e ese ano houbo que rillar crúas as castañas dos camiños… Acórdaseme ben que cruzabas a Lemos e inda non che lucía o bigote, pero aquelas catro cadelas daban para aquel pan que rillabamos ás escuras, e ti dicías que logo habiamos marchar a Buenos Aires, que chegara carta do teu tío reclamándote, que estabas xuntando para o billete, que o barco saía de Vigo, que andando chegábase en dous días, pero que había que ir con ollo de non dar nos camiños cos da gavela nin cos gardas, e eu miraba para ti, arremelaba os ollos e pensaba nunha casa branca co lume prendido a todas horas, soñaba cun lume prendido todo o inverno para espantar o frío que se me metía no corpo en canto chegaba o outono e xa non me ceibaba ata o mes de abril, e a única maneira que tiña de escorrentalo era cantar, cantar e cantar, e cantaba, cantei chamando por ti cando me dixeron que marcharas, cantaba nas festas as cancións que saían pola fiestra da radio dos Caneiros, e foi daquela, cando xa era unha muller que espera, que saíu esta canción mentres a nai me dicía que marcharas ás Américas…
8.
CON MI PATRIA Y CON MI NOVIA
Y MI VIRGEN DE “SANI”
Y MI ROSARIO DE CUENTAS
YO ME QUISIERA MORIR
Querida Rosario:
Espero que cando recibas esta ti e túa nai vos encontredes ben. Xa sei que non me despedín como é debido, pero pensei sabía que se me miraba neses teus ollos non había encontrar o camiño que me trouxo ata aquí.
Na caracocha do castiñeiro que ti sabes deixei nunha caixa de latón uns poucos cartos para que poidades pasar o inverno. Xa sabes onde. Nunca hei esquecer que cando faltaron meus pais foi túa nai a única que botou man de min, e sabes que te quero máis que a nada neste mundo.
Vou camiño de Buenos Aires. Conseguín praza nun barco inglés, no que me deron traballo na cociña, así que nin sequera tiven que pagar billete. O malo é que a viaxe é mais longa, porque o barco vai facer escala en moitos sitios Dixéronmos, pero o único que se me acorda é o Rio de Janeiro.
Fixen ben en deixarvos o diñeiro, porque o primeiro que me dixo o patrón -un home de Cambados que coñecín no porto e leva desde a guerra embarcado cos ingleses- é que se tiña algúns cartos que mos cambiaba el. Que a peseta por aí fóra non valía nada. Díxenlle que non tiña ren e deixoume en paz. Para que te fagas unha idea, catro que se xuntaron onte no bar pousaron enriba da barra corenta e sete mil pesetas e o camareiro díxolles que coma se lle tiraban unha pedra, que aquelo non valía nada. Eu vino pola fiestra da cociña que dá ao bar, e case caio de cu.
Párteseme o corazón ao dicirche adeus. Pensa que non é un adeus para sempre: logo hei chamar por vós e habedes facer a mesma viaxe -espero que con algo máis de comodidade- que eu fago agora. Estou agora mesmo en Lisboa, onde acabamos de cargar non sei moi ben o que, e logo habemos de coller camiño a América. Non se me dá pasado o tempo de chegar e traballar e …
Deica que volvamos vernos, aquí che vai todo o meu amor.
Xan.