A bicicleta

Cinco palabras_05

Terminar, acutángulo, anilina, zapata, desembolsar

Ao terminar a clase, Claudia saíu disparada. Sen poder evitalo, encamiñouse ao cuarto de baño, cos dedos aínda manchados de anilina: unha boa desculpa para poder encerrarse e chorar como unha madalena. A súa era a máis dolorosa das sensacións, a de ser o vértice oposto dun triángulo acutángulo. Tan acutángulo que os outros dous vértices nin sequera sabían que aquelo era un triángulo. Desde a outra esquina do laboratorio ela víraos. Vira como Susana se deixaba querer por un Manuel que ela adoraba desde que tiña uso de razón, desde que se sostiña sobre os seus pés… desde sempre. Porque Manuel vivira sempre no edificio do lado, un portal arriba pola mesma rúa pina pola que ela baixaba ao colexio, agardando no portal que pasara para alcanzalo e facer o camiño ao seu lado.

Nunca había esquecer o día que a bicicleta se lle quedou sen freos. Fora el, Manuel, o que saíra correndo atrás dela para conseguir detela, agarrando con forza o porta bultos que seu pai nunca lle deixara quitar, impedira que se esmendrellara contra os tinacos do lixo do fondo da carreira, ou peor, que saíra á calle de baixo e que un coche a levara por diante.

–         Estás sen zapatas.

Dixera el, cunha voz que a aloumiñou como purísima seda. Aquelas palabras,  que el se botara a correr para evitar o accidente e que a salvara dun perigo certo, acabaron por facer que lle doera velo cada día e que non tivese para el máis que palabras correntes, gastadas coma cadernos a fin de curso. Ola, Adeus. Ata mañá. Vémonos. Que tal…

Cando chegou á casa colleu a bicicleta, desembolsou as zapatas novas, pero non quixo poñerllas. Subiu con ela ao cima da costa e botouse rúa abaixo, os ollos pechados, esperando que aquelas mans que a salvaran unha vez agarraran o seu corazón desolado unha vez máis.


 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s