Espectáculo

Bile, peridio, pita choca, vélaro, moralista

 A muller danzaba coma unha pita choca arredor do lume. O home descansaba, se tal pode dicirse, nun xergón arrimado a aquela fogueira, co corpo consumido polo veleno. A muller danzaba e cantada, invocando aos espíritos da terra, a deuses antigos ou quen sabe que forza misteriosa.

Aquela era a estación fría, e xa nos derradeiros compases do inverno, os dous decidiran saír dar unha volta pola fraga, á procura de calquera bocado que substituíra unha magra ración de carne seca, que, despois de que a neve os mantivera encerrados na cova e os seus arredores durante meses, comezaba a esgotarse.

A muller vira o fungo nacendo nun dos primeiros claros da neve, embaixo dunha árbore que destacaba sobre as demais. Alí, na estrema da brancura, o fungo destacaba, co seu peridio marrón e engurrado, dicindo: cómeme. Ela foi correndo cara aquela posibilidade -en canto descubriu o que parecía unha chamada da primavera- como un grego atrás do vélaro de ouro, pero a un paso do destino pesou no seu caletre as palabras de súa nai, que a ensinara a recoñecer os fungos. Aquel non lle parecía especialmente apetitoso, a pesar do seu parecido coas trufas que medraban por baixo da terra. O home, moito máis desesperado, botoulle o dente en canto o viu, a pesar das indicacións da muller, que tratara de llo impedir.

De alí a pouco, o home comezou a trousar; ben seguido deu en suar, e axiña caeu tan longo como era, botando a bile pola boca. Ela deu en xuntar leña e armar un acubillo para el con follas e fentos secos que foi apañando de onde puido, achegouse ao río, e prendeu lume con dúas pedras naquel follato, arrimou o corpo tremente do home ao lume, e deu en danzar ao seu redor, nunha cerimonia que nunca tiñamos contemplado, esa que agora mesmo lles imos proxectar.

Non desvelaremos agora o final, que esperamos que os sorprenda, e non cremos que estas observacións –nas que cumprimos de forma escrupulosa cos protocolos de non intervención establecidos para as viaxes no tempo- poidan ser criticables desde un punto de vista moralista: nós, simplemente, cumprimos co noso deber de informar.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s