Dereitos de autor? Non me fagas rir…

Unha pequena conversa no twitter de hoxe levoume, a través de Letra en obras, a un artigo de Miro Villar –un post no seu blog “As crebas”- sobre a relación económica entre os autores e os editores galegos, isto é: ao tema de que a lexislación sobre os dereitos de autor basicamente non se cumpre na maioría dos casos, e maioría non quere dicir todos.

Como no mesmo sitio dicía Xerardo Vidal, calar ás veces é afeccionarse a non errar –ou algo así ou todo o contrario– e como na discusión sobre o particular tamén se aludía ao papel da AELG como xestor dos dereitos colectivos, e un tivo a honra e o pracer de pertencer á directiva da Asociación, gustaríame botar a lingua a pacer.

O primeiro que teño que dicir é que acredito plenamente nas palabras de Miro, e na súa clasificación das editoras galegas. Con moita menos experiencia ca el, e moitísimo menos currículo, tampouco me parece oportuno falar de casos concretos ou persoais, senón das razóns de que isto sexa así.

A miña impresión sobre o particular é que non é posible agardar que o panorama mude de forma apreciable no futuro, por moitas reclamacións ou denuncias ou intervencións que se fagan, porque, como moi ben sostén Miro, o preito non sei se paga a pena, pero desde logo economicamente é absolutamente inviable. No que me gustaría entrar é nas razóns desta inviabilidade.

Para o meu pesar, e supoño que para o de todos os que escribimos nesta lingua, o primeiro que debemos facer é recoñecer que, nos últimos trinta anos, as vendas do sector editorial nutríronse principal e artificiosamente do sector educativo. Non creo equivocarme en exceso se afirmo que, mesmo a principal repercusión comercial dos premios literarios reside nese sector. E ese, creo eu, é o principio dos males, males aos que, debo confesalo, non lle encontro cura doada.

Dixen antes que esta concentración era artificiosa. E tal vez galbaneira, pero a realidade do funcionamento do negocio durante os últimos anos foi a seguinte. Fora das dúas grandes editoras, a rendibilidade económica dunha edición –mínima, pero rendibilidade ao cabo- estaba case garantida polas compras institucionais, con destino ás bibliotecas públicas e outros centros, ou onde queira que fosen parar os libros. Dado que na maioría dos casos estas editoras eran empresas individuais, e máis voluntaristas que comerciais, o método que empregaron para garantir o beneficio foi aumentar o número de edicións, en troques de procurar o aumento das vendas de cada título. Na miña humilde opinión, o que falla no sector editorial galego é o mesmo que falla no resto do tecido económico: a pura actividade de promoción e venda. Esta actividade falla, creo eu, por varias causas, non sendo a menor a ideoloxización absurda do proceso mercantil. O absurdo da literatura galega é que nos últimos trinta anos non buscou o seu público entre os falantes do idioma, senón na creación dun público de lectores que teñen ao galego como segunda lingua, cando non como lingua de segunda. E para probar isto so hai que procurar literatura galega –que non sexan os títulos recomendados no instituto- en calquera das vilas do país. Algunha editora mesmo presentaba contratos nos que os primeiros cincocentos exemplares quedaban libres de pago de dereitos de autor, de maneira que se o libro non se movía alén das vendas institucionais a perda fose inexistente ou nula.

O papel da editora galega como empresa comercial é francamente decepcionante, por non dicir que sobradamente inútil, na xestión da promoción e diso que damos en chamar marketing, ata o punto de que, en case todas as ocasións, os actos de promoción dependen máis do autor –agás que este teña un “nome”, e cando digo nome quero dicir un premio- que do propio departamento comercial da empresa. É como se a promoción das latas de sardiñas correra a conta dos mariñeiros. A patria esixe sacrificios, xa se sabe, e mellor se ao matadoiro se vai con boa vontade.

Por outro lado, os premios literarios contribuíron a crear a ficción de que a profesionalización da literatura galega era posible, simplemente porque parecía que había cartos, cando menos nos premios. E habíaos, o problema é que os cartos non proviñan da rendibilidade do produto, senón dun afán político de creación de eventos propagandísticos, propaganda que non atendía ao obxectivo comercial – a venda do obxecto, sostendo a súa rendibilidade- senón a promoción da marca “x”, fose esta de partido, localidade ou persoal.

A partir de aquí poderase discutir o que se queira, pero con alicerces tan podres non se pode erguer casa ningunha. Así que un, na medida das súas modestas posibilidades, emigrou a Amazon. Que Deus é bo, pero o demo non é malo. E voume facer politeísta, agora que Google tamén me dá a oportunidade de enganarme. Cando menos, se teño que traballar de comercial, cobrarei desa parte en tanto que sexa capaz de facer o meu traballo.


Unha resposta a “Dereitos de autor? Non me fagas rir…”

Deixar un comentario