Venres de dor.

Hoxe asaltáronme desde o facebook tres imaxes ingratas, desoladoras. A primeira foi a dun mendigo que se achega a un piano e comeza a tocar unha preciosa melodía nun piano vermello ao que lle falla unha tecla. O piano está na beirarrúa, non se sabe se por causa dunha mudanza ou un desafiuzamento. Para acabar de rematala, o home confesa á muller que grava a escena co seu ollo de vidro que a melodía é unha composición propia. E aí remata o vídeo.

A segunda é a confesión dun neno cunha rara enfermidade ao que se lle nega o único tratamento posible da súa enfermidade porque “vale mucho dinero”. Segundo o artigo de “La Voz de Galicia” o raparigo tivo a fortuna de ser seleccionado para un tratamento experimental, que pese a ser fundamentalmente paliativo –esa marabilla das farmacéuticas modernas: atacar os síntomas e non a causa, establecendo así a dependencia do fármaco- tivo efectos inmediatos. O módico prezo de seis mil euros por dose fixo que, unha vez finalizado o seu papel de cobaia humana, o dereito á saúde do rapaz dependa do seu lugar de residencia: parece ser que, máis unha vez, o Sergas é tan roñoso coas persoas como xeneroso cos xerentes, eses miserables que denegan esta caste de atencións e outras máis cotiáns e, xa que logo, menos susceptibles de saír nos medios, para conseguir os seus “obxectivos de produtividade”, obxectivos que se traducen en nada magros aumentos de salario deses xuíces da vida e da morte. Por certo, a produtividade no SERGAS é pública, e xa van sendo horas de que algún parlamentario, do partido que sexa, lle meta o dedo nun ollo a estes tipiños e aos procedementos cos que xustifican o seu salario.

A terceira é unha metáfora terrible deste tempo noxento de recuperación económica e estado do benestar. Na fotografía que ilustraba a información, unha muller de sesenta anos, que parece ser que padece artrite e válese con certa dificultade, ten que cargar ao lombo co seu fillo eivado polas escaleiras que suben ao seu fogar, nun terceiro piso que algunha vez foi fogar e hoxe condena.

Sigo agardando que chova, pero o prognóstico non parece favorable, cante Bob ou cante Joan.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s