IMPRESIÓNS DE DOMINGO CON GRIPE

Detrás da fiestra a luz do día faise por momentos especialmente clara, diáfana, o ceo aparece azul nas alturas ameazadas por nubeiros dun gris claro ou, máis arriba, branco prístino. A prensa trae imaxes dunha manifestación na capital do estado, e a rede recortes de opinións diversas sobre esa demostración de forza dos novos vendedores de quimeras.

Debería estar noutro lugar, penso, lembrando a neve naquelas montañas da infancia, a mesma neve que hoxe branqueará a aba da serra, e aumenta, aínda máis, a distancia deste sofá a aqueles prados polos que caïamos sen mais freo que o do medo ou os toros dos castiñeiros que se atravesaban no camiño. A inactividade é propensa á saudade, e a enfermidade á morriña daqueles días nos que o ánimo era invulnerable.

Agora, despois de almorzar de segundas –confeso que son un animal estraño: a febre dáme unha fame negra- e dar unha volta por eses escaparates do mundo que son a televisión e a rede, non podo evitar pensar que pouco queda daquel outro, e canto menos do que –algúns- soñamos que o había substituír. Así que voume dar á gula e imaxinar un prato de filloas –de sangue, que os freixós non son o mesmo- para animarme. Que a Candelaria está a caer e xa se sabe: cando a candelaria chora, medio inverno vai fóra. Aínda que, como remata o dito: de chorar ou non chorar, medio inverno está por pasar.

2 comentarios en “IMPRESIÓNS DE DOMINGO CON GRIPE

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s