Distancias

Mentres Euloxio Rubio procuraba unha historia coa que facer un conto algo bateu no piso de arriba. Non lle fixo ao estrondo caso e seguiu procurando nas páxinas dos xornais un tema para un best seller. O golpe repetiuse e sentiu un ruído xordo, como se os veciños arrastrasen un saco de patacas polo corredor adiante. Estaba un pouco farto da leria que se montaba todos os días. Cando non era festa ata as dúas da mañá era unha sinfonía de berros, un cacarexo de tacóns ou un televisor prendido ata as cinco da mañá. Así que decidiu concentrarse na procura de algo exótico. Tal vez a historia dunha tribo indíxena que acababa de ser desaloxada polas multinacionais, na Amazonia, para crear unha macroplantación de soia destinada a satisfacer as necesidades do cada vez maior número de vexetarianos dos Estados Unidos e a Europa Occidental. Gorentáballe a idea de contrapoñer os desexos de pureza da alimentación co feito de que esa alimentación nacera directamente dun crime: o desaloxo non fóra pacífico; a información de El Comercio de Santiago de Chile sostiña que nos enfrontamentos coa policía faleceran dous indíxenas, e que, segundo fontes ben informadas, antes os sicarios a soldo dos especuladores locais que mercaran ao goberno o dereito de explotación daquel anaco de selva tiñan asasinado a un par de centos de persoas para animar aquelas persoas a ter en conta a súa oferta: camiño ou bala.

Entregue ás súas cavilacións tampouco sentiu correr a auga na bañeira, que aberta a cachón axiña desbordou para empezar a alagar o piso. Seguía meditando na fasquía do protagonista: primeiro dubidou se debería ser masculino ou feminino. Logo, cismando que a maioría dos lectores que había conseguir o seu texto –se tiña a fortuna de conseguilos- habían ser mulleres, e tentouno a idea de facer protagonista a unha doutora dunha ONG enviada a valer aos indios nunha epidemia de febres hemorráxicas, unhas febres hemorráxicas estrañas que nunca antes foran detectadas. A muller, sorprendida pola voráxine de violencia, tenta defender aos indios dos dous perigos que os ameazan, denunciando nas redes sociais occidentais as mortes producidas nunha aldea próxima ao seu dispensario. E mentres a auga cruzaba por baixo da porta do piso de arriba chegou a inspiración dicíndolle que debía mesturar iso coa vida sentimental da doutora. Poñamos por caso: doutora en situación de fractura sentimental foxe ao trópico cansa dunha paisaxe de relacións deshumanizadas pola tecnoloxía e a falta de autenticidade. Así que tampouco prestou atención ás voces dos veciños que empezaron a sentirse na escaleira mentres el procuraba desesperadamente un título atractivo a unha novela de aventuras co trasfondo de denuncia do comportamento das multinacionais sanguinarias á procura dos dólares das conciencias delicadas. Así que, para illarse do ruído e as voces, que medraban por momentos, picou na icona do volume e deixou que Springsteen enchese o aire do cuartiño ateigado de libros.

A historia amorosa podía ser tamén falsa. Ardente, pero falsa. Que tal como partenaire un oficial do goberno local encargado da atención aos indíxenas? Se facía que o oficial estivese compinchado en secreto cos sicarios da multinacinal tería un punto de corrupción, unha concreción á que dirixir as iras dos lectores mentres o tipo furgaba no ordenador da doutora á procura da información da que esta dispuña. Coa trama armada, o seu entusiasmo impediulle comtemplar a pingada que estaba nacendo no teito, ás súas costas, sentir a sirena que se achegaba veloz, ou percibir os relampos do lucerío que comezaba a amorearse na acera, tres pisos máis abaixo. Tampouco foi quen de consignar as pisadas que subían, o tropel de xente correndo polas escaleiras, ou o timbre que o chamaba con negra insistencia.

Necesitaba un final, necesariamente tráxico e liberador, e pensou en facer chegar a un dos indíxenas con arco e frechas no momento en que, descuberto o engano pola muller, esta era vítima da violencia do seu amante. Nese momento, as organizacións internacionais de axuda humanitaria tiñan conseguido que a súa denuncia saltase á prensa, e de aí para adiante, as presións da opinión pública sobre os gobernos occidentais conseguiran que estes ameazaran a multinacional e ao goberno local con apertarlle as porcas se non se paraba o escándalo. Así que unha unidade de soldados chegaba para levarse á doutora e protexer aos indíxenas. Na última escena a doutora ollaba pola fiestra do helicóptero como o destacamento rodeaba aos indíxenas e … un estralo cortou a luz, levándose ao ciberespazo aquela chea de notas, o esquema completo do próximo premio Vía Láctea e algún parágrafo para comezar. Ao calar a música chegoulle o balbordo de voces no piso superior e unha pinga de auga molloulle a caluga, facéndoo blasfemar.

Ergueuse da cadeira. Decidido, abriu a persiana para bater nos alustros continuos que chegaban da carreira, e aquel misterio empuxou i seu mal humor á porta. En abrindo, bateu nun policía que baixaba diante dunha padiola, que sostiñan dous enfermeiros, na que un vulto cichaba sangue na brancura das sabas que o cubrían

– Que é o que pasa? – preguntou.

– Non sentiu nada? – preguntou o policía, arredándose para deixar pasar aos sanitarios con aquela traxedia.

– Qué tiña que sentir?

– Os seus veciños. O home acaba de matar a muller e despois cortouse as veas na bañeira e deixou correr a auga. Ata que un veciño nos chamou, alarmado ao tentar tomar o ascensor e ver como caía a auga pola regaña da porta…

–  Non sabía nada.

O home de uniforme debuxou un sorriso.

– Importaríalle se falamos con máis calma dentro dun momento?

– Non, claro que non.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s