Mes: Novembro 2014

NanoWrimo

Hoxe é trinta de novembro, e suponse que debería ter cincuenta mil palabras que, grosso modo, farían unha novela. A verdade é que non teño nin sete mil, e iso déixame bastante mal no asunto este da produtividade. Cando comezou esta leria pensei que sería quen de escribir unha desas historias que hai moito tempo que me rondan a cabeza, que andan por aí dando voltas buscando unha oportunidade de saír como foguetes cara algures. Non sería a primeira vez que me pasa. Resultou que non.

Indo máis atrás aínda, a verdade é que tiña outros cinco proxectos que algún día acabarei –ou non- e pedín –ou iso creo- unha opinión a través da rede sobre que tema preferiría a xente. Como ninguén contestou –fora por desinterese, ou por ignorancia miña sobre como ofrecer esta elección cun certo “gancho”- fixen máis ou menos o que me deu a gana, que foi rescatar outro tema. E aí empezaron os problemas, porque ao tirar dun fío empezaron a saír outros, e máis, e xa tiven que parar a cabeciña porque aquilo estábase convertendo nun inferno imposible de controlar.

Confeso que me deixei arrastrar con bastante acomodo por iso que os saxóns chaman “procrastinación” e que a miña nai chamaba, máis prosaicamente, mirar pró marau, así, cun erre so. O sea, que estiven marauneando medio mes, a ver se a madeixa se desenredaba soa. E algún efecto tivo ese pouso: primeiro limitando os fíos da trama, e segundo, ofrecendo unha certa guía para o estilo ou estilos a empregar no texto.

Se me preguntasen: non a estarás liando moito? Debo responder honestamente: si. A cousa ven sendo así: non sabes escribir algo con “introdución/nó/desenlace”, lixeiriño e de fácil dixestión? Igual tiña que responder que si, pero que non me da a gana, nun exercicio de vaidade. Ou tal vez deba confesar que non son quen de preparar unha serie de eventos que se sucedan ordenadamente aos que dotar dun mínimo atractivo (realmente debo reflexionar sobre se o que escribo ten algún atractivo, cousa que tampouco é que me importe demasiado). A verdade é que moitas veces asáltame a tentación de buscar unha cousiña mínima e inchala ata as duascentas páxinas. O problema é que esas cousas acaban aburríndome polo camiño, e xa non son quen de continuar, entre outras razóns porque a remuneración de tal esforzo, no mellor dos casos, daría para unha cea ou algo así.

Quero crer que vou rematar esta novela, pero non teño a menor idea de cándo ou cómo. E a única razón que encontro para facelo é unha moi vella: porque me peta e quero e dáme a gana. Veremos.

 

Gonzalo Guerrero (ou de Aroza?)

Recollín as primeiras informacións sobre Gonzalo Guerrero investigando sobre a conquista de América, para algo que pode que chegue a ser unha novela algún día. Interesoume de contado e non puiden evitar escribir o relato que hoxe deixo na sección “O relato da semana“. Se preferides descargalo para velo no lector, tablet ou teléfono tédelo aquí

É máis que posible que a miña imaxinación falseara os datos históricos, que seguramente poderán mellorarse, e tamén que haberá achegas máis extensas e / ou afortunadas a esta personaxe. Hoxe Gonzalo Guerrero é un dos mitos mexicanos, así que pido desculpas polo meu atrevemento, que cando me deu a febre da escritura descoñecía por completo.

Se vos interesa a personaxe e a súa historia, outras achegas son:

AGUIRRE, Eugenio, Gonzalo Guerrero   

Pódese encontrar en Amazon e seguro que en máis sitios. Parece ser que foi un éxito en México.

Creo que hai máis novelas mexicanas sobre a personaxe, que evidentemente, ten moita chicha.

Tamén, en inglés, temos

  • Clark, Alan (1990). Guerrero & Heart’s Blood. Mexico. 
  • Morris, Walter F. (1990). Living Maya.
  • Robbins, John Coe (2011). Maya Lord.