Pequenas fortunas

A Xerardo Vidal, pola idea.

1.

A cociña era un desastre. Lucía sempre se estaba queixando. Nin lavalouza, nin unha neveira decente, a pía do fregadeiro escacharrada, cunhas gretas que a penas era imaxinable que non pingaran no tinaco do lixo, amoreado nas bolsas do súper. O neno gateaba nas baldosas, unha cuadrícula branca e negra que arremedaba un taboleiro de xadrez. Un taboleiro vello, co branco amarelando en vetas profusas, o negro agrisallado, raiado e riscado por mil pasos. Os anos comeran aquel piso deixándolle cicatrices que nin o mellor cirurxián podería arranxar.

Lucía soñaba que lles tocaba a primitiva, non moito, abondo para arranxar aquela casa que herdara de seus pais, mercar mobles novos, arranxar o cuarto do neno, esas cousas. Miraba moito os programas de decoración da televisión: eran o seu pasatempo, a ilusión coa que esmigallaba as horas, cando volvía baldada do seu traballo por horas limpando portais, escaleiras, o que houbese. El soñaba que escribía esa novela definitiva que os arredaría das sombras estatísticas, mentres enviaba currículos a todas partes, pegado ao teléfono e ao ordenador, cun ollo no neno que durmía no sofá e outro nun teclado que tiña visto días mellores.

Fora o martes cando o teléfono soara cunha chamada que o levantou do baño a media mañá. Eran trinta euros por un día de traballo montando cociñas. Tiña experiencia? Como non a había ter, se pasara media vida axudándolle ao pai no negocio familiar, antes de marchar á universidade. E despois, cando a licenciatura non lle dera máis que esperanzas infundadas, e o neno que viña de camiño. Volvera entrar no negocio, para acabar tendo que pechar, afogados polas débedas e a inactividade. Así que chamou á nai, a ver se podía quedarlle co pequecho esa mañá, que á tarde xa estaría Lucía na casa. E a nai veu, co reuma prendido nos dedos, para que el puidera rapinar aquela miseria. Un mes de teléfono. A compra de dous días.

Presentouse á primeira hora da mañá, coa ilusión secreta de demostrar que coñecía o oficio e conseguir que o volveran chamar. O almacén estaba pechado cando chegou, e o encargado chegou con outros dous homes dez minutos máis tarde. Pasou o día cargando táboas e facendo de pinche dous outros dous, ocupados en desmontar unha planta enteira de cociñas para embarcalas nun camión que chegou a mediodía camiño de sabería o demo que sitio. Era un desmonte. Non habería outro contrato. Á noite, cando chegou a hora de cobrar, o home pousoulle na man os trinta euros prometidos, e cinco máis, de propina.

– Non é moito, pero traballaches ben.

Tendo en conta que eran as nove da noite, e nin a xantar pararan, que lles trouxeran un bocadillo ao mediodía, deulle gana de rir, pero tiña o corpo tan baldado e a cabeza tan toldada que apenas atinou a dar as grazas e máis nada.

– Tes en que baixar?

– Non.

– Lévote.

– Se fai o favor.

Deixouno na porta da casa, despois dun camiño silencioso. A cara do home recordáballe a do pai o día que pecharon a porta, así que non quixo furgar na ferida, e estaba baldado para imaxinar ningún tema de conversación.

Entrou na casa para encontrar a Lucía preparándose para marchar.

– Xa pensei que non chegabas. O neno esta durmindo. Tes unha tortilla enriba da mesa. Cobraches?

Sacou os cartos e pousounos enriba da mesa. O billete de cinco quedou escondido por baixo dos outros.

– Méteos no bote. Marcho, que xa chego tarde.

Despediuse cun bico breve, e el mirouna marchar con tanta gana de cear como de tirarse pola fiestra. Levantou o garfo e meteulle o dente. A fame veulle co primeiro bocado, e non marchou co último. Puxo a televisión. A cor da pantalla estaba esluída: o tubo non daba para máis. Entre aquela néboa escoitou as noticias, e acabou de avinagrárselle o ánimo. Cando se meteu na cama, o cansazo puido na carraxe.

2.

Botou tres días amargado co billete de cinco queimándolle o peto. Non quixera metelo no bote. E iso pesáballe na conciencia como a un neno pequeno sorprendido roubando unha lambetada.

– Estás raro. Que tes?

– Nada. Que vou ter?

E era certa a mentira. Tiña un billete de cinco euros, escondido no peto máis pequeno do vaquero, agardando unha oportunidade. O xoves, os cinco euros baixaran a catro, despois de botar un boleto da primitiva. Tirar o diñeiro. Fora tirar o diñeiro. Pero tiña un plan. O sábado xogaban o Madrid e o Barça. E o Chispa tiña unha máquina nova. Unha máquina de apostas. Apostas de fútbol. Iso era algo do que sabía. Coñecía o xogo. Estivera a punto de fichar polo Celta cando era xuvenil, pero o pai non o deixara: quería que estudiara. A el non lle parecía mal a idea de marchar da casa cinco anos a gastos pagos. Na universidade seguira xogando. Tiña un presentimento. E pensou que pagaba a pena apostar o seu tesouro. Necesitaba que Luis ou Carlos lle pagasen a cervexa o día do partido. E tivo a sorte de bater co Luís o venres no súper.

– Vas vir mañá ver o partido?

Meteu o nariz entre dous dedos: ese símbolo universal de estar sen un can.

– Vai ser por iso… Eu pagarei as cervexas.

– E que…

– Esa Lucía vai acabar contigo. Vémonos alí, ás seis, vale?

– Procurarei.

O outro riu. Sabia ben que iría. E foi. Custoulle convencer a Lucía, que acabou sacando do bote dez euros.

– Non fai falta.

– E logo, desde cando deixas que che paguen a bebida?

Colleunos e meteunos na carteira, máis seca que o asfalto de agosto. E baixou. Desde a entrada mirou para a máquina, amarrada a unha parede, cerquiña da porta. Había rapaces que entraban, metían unha moeda, recollían o tique e marchaban. Outros, os menos, sentaban na mesa ou na barra, onde o Chispa sorria e destapaba cervexas, botaba algún viño, e retorcíalle o corno do volume ao mando do televisor en canto apareceron os comentaristas na pantalla. Cando chegou Luís, el xa tiña a cervexa a un lado e a Carlos dicíndolle que Messi ía marcar.

– Vanse foder eses cabróns! Vai superar a Zarra na súa casa!

Era desesperadamente culé. Desde os tempos do instituto, cando chegaba a clases coa camiseta blaugrana e Ronaldinho ás costas. Levaba cinco anos de gloria e sabíanlle a pouco. Luís era do Madrid e a lea empezou de seguida.

Hoxe ímosvos machucar!

Garda a pólvora, que igual gastas cuspe de balde.

E a máquina esa nova?

– É unha pasada. Podes apostar por quen gaña, quen mete os goles e cando.

– Un sacacartos. Pero ao Chispa vaille ben.

– Xa se ve.

– Queres apostar, Ronie?

– Hoxe ides chupar cinco.

– Pois eu digo que habedes tragar seis.

– Pois dillo á máquina, a ver se certas.

– Pois alá vou.

Foron. Varreron cada un para a súa casa.

– E ti, non lle metes nada?

– Agora non.

Dixérao con desgana. Cismaba. O Barça parecía que andaba ben, pero vira medio partido do Madrid contra o Liverpool. Sempre lle gustara a forma de xogar do Barcelona, parecíase á idea que el tiña do xogo. Pero ultimamente tiña demasiada dependencia de Messi. E Suárez estaba de titular despois de catro meses sen xogar. Decidiu esperar e ver. Aos tres minutos marcaba Neymar. A súa parecía unha idea errada. A ronda foi xeral. Maioría culé. Aos vinte minutos, Cristiano tirouse á piscina e os dous colegas pegaron a discutir. Se foi se non foi. Case estivo a piques de apostar polo Madrid, pero decidiu darse un tempo. E entre os berros da concorrencia o árbitro pita penalti ao tirarse Piqué e coller o balón coa man. Tira o portugués e marca. Os brancos non se polen tolos. O Barça quere pero non dá. Xa sabe que vai gañar o Madrid. Achégase á máquina e gasta dous euros. Quédanlle outros dous. O resultado que acaba de meter está dez a un. Se atina co que meta os goles, pode… Mira o partido co ollo dereito e decide apostar ao improbable. Cincuenta a un. Trinta e sete a un. E volve á barra. No que queda ata o descanso non respira. Os outros dous discuten se o árbitro isto ou o Messi aquilo. Por todo o bar hai unha calma tensa.

No minuto cincuenta Pepe marca de cabeza, e aquilo é un clamor. Óese de todo. Os escasos madridistas farrean o que lles da a gana.

– Tédelo perdido.

– Xa veremos.

Quédanlle cinco euros no peto e o corazón bríncalle no peito mentres analiza o xogo e as posibilidades. Levántase e vaise á máquina para apostar o que lle queda por un dianteiro que nin os seus aprecian.

Cando Benzemá marca, pasa o resto do partido rezando, sen gota de sangue na cara.

– Estás ben?

– Estou, estou.

– Outra birra?

– Non.

Nin respira. Concentrado no xogo, so espera que remate. Cando o Arbitro pita o final, a festa remata cunha marea de boletos esparavanados na beirarrúa, boletos que se arrandean no vento como follas dun outono preguiceiro.

– Neno, respira!

É Luís que lle fala ao de fronte.

– Ei! Que tes?

El ri. Ri como se acabaran de lle contar un conto. No bar, a maioría culé fuxiu en retirada, e os madridistas colleron camiño de outro bar onde facer festa. El levántase do taburete, colle o boleto, méteo na máquina, e escoita o son do metal contra metal como quen oe a gloria bendita. No televisor, as noticias falan de tarxetas negras e alguén berra:

– Saca iso de aí, que xa teño as tripas revoltas!

Carlos nin sequera pregunta:

– Pagarás unha!

– Unha. Teño unha cociña que arranxar.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s