Na porta do inferno

Cando se ergueu notou a febre invadíndolle o ánimo. Os ollos, pesados, querían saírlle das órbitas; notaba unha irritación crecente na garganta e un peso no lombo que a empuxaba de volta á cama. Rente ao edredón, o can suplicaba un cariño. Sorriu con pesadez e pasoulle a man pola testa. O animal, aínda deitado, moveu o rabo nun aceno de cotiá felicidade. Debía sacalo pasear, pero co corpo consumíndose non tiña gana ningunha de se mover. Limitouse a dar unha volta arredor do pequeno xardín, enfronte do edificio.

Ao animal custoulle renunciar á media hora de andaina; finalmente someteuse á orde de regresar. No ascensor, a tose atacouna con saña, embafando o espello ao dobrar o corpo. O can ollaba sorprendido aquel padecemento, e mesmo caiñou de camiño á porta mentres ela procuraba as chaves nas fonduras do bolso, maldicindo tanto a confusión dos obxectos como a torpeza na que lle embazaba o entendemento. Abriu a porta con dificultade, deixou que a dificultade a precedera e arrastrou os pés, tropezando na alfombra do recibidor. Tastabaneando conseguiu amarrarse ao moble do recibidor, conseguindo non caer.

A pesar de que seu home marchara so unha hora antes, a súa ausencia fíxoselle asfixiante. Ese día tiña a quenda da tarde, e meditou na conveniencia e necesidade de pedir a baixa. Doíalle na alma a posibilidade: a rebaixa de salario derivada ía complicarlles a vida de forma considerable. Embarcados na hipoteca do piso, e coa letra do coche novo –inevitable, agora que, despois de dous anos no paro conseguira traballo fóra da cidade- a conta corrente estaba a piques de alampar. Non lle quedaba, sabíao, outro remedio. Acabou por aceptalo cando tratou de botar o leite do almorzo na taza e deixou un borrancho branco na negrura do mesado. Ao final, a visita ao médico de cabeceira fora en balde. Non era un catarro. A gripe forte … era forte demais, e o medo empezou a queimarlle o ánimo.

Non debía ter aceptado aquel destino, aquel traballo. Claro que tampouco era fácil negarse á mestura de mel e pólvora coa que os xefes as empurraron a enfundarse naqueles traxes e entrar, decididamente temerosas, medrosamente decididas, á reconstruída zona de illamento.

Lembrou aquela película na que á Renée Russo lle rompía o traxe de goma, para espanto dun Dustin Hoffman en estado de xustificada paranoia. Comparar aquelas escafandras coas mascarillas e luvas de latex seladas con cinta americana, ou de embalar, revolveulle o estómago. Claro que, ao final, ela curaba. Iso animouna. E levantou o teléfono desde a porta do inferno.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s