Onte escoitei a Pedro Sánchez na SER. E, aínda que, por propia natureza, desconfíe de calquera mensaxe política, paréceme un acerto que alguén teña, por fin, o valor de dicir que o problema principal do estado e de todos os pobos que o compoñen é responder a mesma pregunta que se fan todos os españois: de que imos vivir?
Non deixa de ser unha novidade oír falar ao secretario xeral do PSOE de desertización industrial, unha desertización que en boa parte foi promovida polas súas políticas de reconversión e presunto fomento da inversión extranxeira, que disimularon procesos de liquidación por derribo – e sempre sen procurar alternativa nin aos traballadores nin aos territorios- de sectores económicos enteiros, de empresas innovadoras ofrecidas en bandexa aos fondos buitre e a eses fantasmas que son as SICAV. Exemplos temos no país de sobra, R, por unha banda, e o naval de Ferrol ou Vigo, ou sector lácteo sen ir máis lonxe.
Para os que xa vivimos algo, anteriores experiencias de goberno socialista non permiten facerse moitas ilusións. O naval foi sacrificado para que catro listos entraran en Airbús, a industria informática nunca conseguíu un apoio decidido nos momentos cruciais e menos mal que quedaron os xogos, a agricultura foi laminada en todos aqueles territorios non sometidos ao financiamento bancario e o control dos distribuidores – a isto teñen contribuído, e moito, as políticas populares que auspiciaron o control da distribución alimentaria en catro mans- a deslocalización da industria textil foi alimentada de forma suicida desde as propias administracións e a investigación académica que sobrevive faino grazas á participación en proxectos con financiamento internacional, en grande medida alleos á economía do país, e insuficientes para manter unha universidade hipertrofiada e sometida ao control político, máis atento á satisfacción de desatinadas reivindicacións localistas que á formulación de institucións social e academicamente rendíveis, cando non encadeada polos personalismos e as loitas polo control das institucións por bastardos grupos de interese, que en innumerables ocasións prefiren a ruína do adversario ao propio progreso… E poderiamos seguir así todo o día.
Esta situación non é flor dun día. O proceso de latinización da economía española e a súa conversión nunha economía subsidiaria foi ben agochado no eufemismo da internacionalización e a interdependencia, nun mal calco do modelo impulsado pola “terceira vía” do laborismo anglosaxón, que desde Tony Blair leva fomentando o control financeiro da economía baixo a escusa da globalización. Así, o progresismo refuxiouse no moi louvable labor de integración de minorías non incómodas politicamente, deixándose vencer pola compoñente liberal no terreo económico, nun modelo de pacto entre o estado e os “grandes inversores”, que hoxe se revela imposible de manter porque a parte do capital entende que o pacto xa non é necesario ao non existir ameaza que afrontar.
Resulta ben absurdo que, como hoxe fan as administracións populares, se defenda a privatización dos servicios básicos -ese eufemismo no que se disfraza a xestión dos diñeiro público polas empresas propias ou dos amigos- mentres se venden empresas privadas a outras estatais foráneas (Barreras). Se a primeira traxedia de América Latina foi sempre a explotación dos seus recursos polo capital foráneo, unha ollada ao principal sector exportador da economía española -o automovilístico- é ben ilustrativo do estado da economía española ao respecto. E a segunda traxedia de Latinoamérica foi a construcción, desde Bolivar, dunha caste social -normalmente asociada á minoría branca- que obtiña a riqueza da pura e simple manipulación do estado. E ese mesmo proceso aconteceu en España con especial intensidade, desde a última administración socialista e o ingreso de capitais foráneos destinados a megalomanía pública, coa cosntrucción de infraestruturas absurdas e insostibles, como o trazado radial do AVE, e outros exemplos de sobra coñecidos. O punto de inflexión cara ao abismo produciuse baixo a administración Aznar, que creou e alimentou o gorgollón inmobiliario, acabou de impulsar a deslocalización textil e construiu un panorama económico dominado pola banca sobrevivinte ao batacazo dos noventa, o turismo e o sector inmobiliario.