Luzes

A néboa que se arrastraba polo chan na primeira hora do día ergueuse cedo, collendo camiño do ceo, para instalarse alí, tapando o sol, de onde volve caer sobre a herba, recén segada, na que os corvos andan á rebusca de serpes tronzadas pola máquina ou ratos desnortados na súa floresta arrasada. Estes son días pestosos, coa humidade criando oídio, mildeu, morrión e outros andazos. Coa complicidade da néboa, mediado xullo, boto un ollo ao exemplar de Luzes que foi presentado onte en Ourense, e detéñome en dúas crónicas. A muller kurda, pertencente a unha comunidade de adoradores do anxo caído, que aos seus cento dous anos foi ver o mar, acutifada pola guerra e as conciencias perigosamente limpas. E as cinco crónicas de Ourense, escritas por Ameixeiras, un repaso de negruras diáfanas como a vida que se nos ofrece. O mundo segue a ser un lugar hostil, e a caligrafía branca e preta das fotografías devólveme os anos nos que subiamos ao cima do viaduto xogar ás cartas, simplemente para vencer o medo e a vertixe. Desde alí, con reises e ases, ou cincos e douses, o río corría cara ao mar, sobre a mesma calixinosa desidia de todos os veráns.
Naqueles anos setenta, meu avó dicía: o mundo deu unha volta, e está pra dar outra. Agora encóntrome exactamente no mesmo punto coas súas palabras na boca, no momento impreciso no que se albisca un cambio, buscando luzes para unha noite que, como a néboa, anda instalada, máis que no ceo, na faltriqueira.
A néboa vai esfarelar contra as doce, e ás dúas van roxar as pedras. Iso non quita que este sexa un tempo pestosamente incerto, e que andemos ben escasos de Luzes. Con permiso, vou pola máquina do sulfato, queden coa revista na espreguiceira -se ainda non a leron- e vaian preparando o corpo para o vermú, que chorar non cura.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s