A polémica.

Na aldea de Matacán teñen un curioso costume. Cada ano escollen un veciño -iso si, que leve dez anos baixo terra- para celebrarlle unha homenaxe. O asunto serve como eixo conmemorativo da chegada da primeira colleitadora mecánica á vila, evento que conseguíu ceibar aos veciños das aterradoras xornadas da seitura, malla e outras xeiras tan simpáticas como cansinas. O asunto ven sendo unha especie de homenaxe aos tempos antigos, cando o saching ainda non conseguira o seu actual estatus de deporte olímpico, e a gadaña comezaba a gozar da súa condena ao ostracismo. Levados por un espirito inefable de complacencia nos vellos e duros tempos, para lembrar que a vida non se sostivo con garatuxas precisamente, os veciños da parroquia instituiron o “Día do Petrucio”, decidindo rescatar do olvido as habelencias de veciños destacados. Así, os últimos anos dedicouse unha lembranza a Pucho Álvarez, seiturador de sona e inventor da tricicleta: un trebello que acoplaba un remolque á bicicleta coa que se desprazaba a Castela e co que podía viaxar unha equipa de tres membros dando pedal por quendas, coa posibilidade de arrastrar sen maior esforzo unha roda de afiador, que permitía afiar os fouciños e de paso, arranxar potas, paraguas e se era o caso, mulleres. Este nomeamento xa tivo certa polémica pola cita á cantiga tradicional, que suscitou algo máis que ronchas entre a Asemblea Feminista do Fondo do Lugar. Ao ano seguinte, buscando templar os ánimos, a Conferencia de Notables, con pouca gana de andar dando explicacións, apostou sobre seguro nomeando para o evento a Marica Panadeira, que durante trinta anos rexera o forno do común con tanto tino que nin unha reclamación tivo por un guizo gastado de máis en roxar o forno.
O asunto encerellouse este ano coa escolla de Tonecho Laberca, que entre os seus moitos méritos non tiña o de ser veciño do Fondo da Vila, incumpríndose así o pacto non escrito de ir nomeando ano por ano a un do Barrio do Fondo, que, apegado ao Camiño Real, recibía sempre primeiro as novidades e axiña se converteu no centro de innovación da parroquia, – o que os encamiñou en certa medida á soberbia, ou iso di o Tucho, aveciñado na Raia do Medio- e outro de máis arriba, para non amolar demasiado aos menos dispostos aos cambios que os de embaixo. O tal Tonecho era un cantor bastante afinado, e un algo vagarote, sospeitoso sempre de incumprir coas xeiras comunais, e mesmo algo traficante de favores nos seus tempos de pedáneo. A cousa chegou a maiores cando no barrio do fondo lembraron o ano que o tal Laberca se negou a cantar na Festa da Candelaria, aducindo que os veciños de Poucas Lerias o tiñan contratado, baixo a ofrenda dunha segura malleira como non aparecese na súa verbena. No taboleiro de anuncios da capela, xusto por baixo da medida da vara, apareceron consignas como: Tonecho Lambón, fedes a castrón! e escritos de rexeitamento varios, que obrigaron á Conferencia a presentar unha nota aclaratoria negando que as cosanguinidades dos seus membros influiran na escolla, e reclamando as innumerables virtudes do eleito como cantarín e sabichón, que era o tal moi dado a expresarse con ditos vellos e casos do tempo dos mouros.
Nada parece conformar aos disconformes, e ben se percibe que este ano a celebración tinxirase coas cores da polémica, especialmente na Semana Escolar de Exaltación dos valores Matacaneiros (aviso a navegantes: isto é un simple xentilicio).
Mentres, nun inquérito sobre a questión realizado aos dous únicos mozos do lugar e á rapariga do Manuel, a única menor de doce anos que queda na parroquia, a resposta maioritaria sobre a pertinencia do nomeamento, a resposta abrumadora foi :
– O qué? É verdade que vai vir a Panorama prá festa?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s