Día: 4 Xullo 2014

Días sen liña

Hai días nos que as horas galopan. Outros nos que o tempo embaira, non corre, como se afogara coa soa perspectiva de avanzar. Días de humor indeciso, que se erguen sollíos e dan media volta para se vestir de trono. Ultimamente estes son os máis abondosos. O verán non da chegado, atrásase, coma un tren descabalgado e silandeiro. As anduriñas voan baixo, e as formigas voadoras reméxense, dubidosas, no vento.
Outras criaturas móvense con pes de lá na atmósfera húmida da tarde, outra vez despexada. Hai un cento de cobras agachadas entre a herba. Non se ven, pero están aí. Agardando, esfameadas, por un botín calquera.
As agullas non avanzan, o mesmo aire parece gastado, infamemente melancólico. Días sen liña no almanaque da memoria.