Saíndo da crise

Onte, algo amusgado e tristeiro, decidín saír buscar a cea, que o frigorífico estaba baleiro. Meu ánimo non era o mellor, que acababa de entender -corríxanme se erro- nunha emisora de radio, que a nova lei de educación vaise financiar, nunha parte importante, con cartos provintes do fondo social europeo, e iso pareceume como querer educar aos teus fillos cos cartos do veciño. E hai que ser parvo para non saber como acaban esas contas.
De camiño, parado no semáforo, vin un amigo sentado na barra dun café que frecuento con menos asiduidade da que gostaria. Había tempo que non o vía, e decidín atrasar un chisco a cea, para ir saudalo e tomar unha cervexa, falando desas cousas das que falas cos amigos. O home estaba aínda peor ca min. Confesoume que, despois de meses liquidando os aforros, tiña que despedir unha empregada excelente, simplemente porque non tiña traballo para ela, e case nin para el. Así que non falamos do mundial nin cousa que se lle pareza, como poden comprender.
Xa tarde, deixamos a parola e fun pola cea, a por un par de hamburguesas para matar a fame, que xa me estaba rillando o bandullo. O local estaba a punto de pechar, pero, con esa confianza que dan os anos, non me deixaron marchar sen comer, e mesmo me convidaron a facelo alí, en troques de levalas simplemente para casa e deixalos pechar á súa hora. A parexa ten dous fillos. A rapaza, despois de estudar todo o que puido e máis, traballa de seis a seis, e está estudando un idioma estranxeiro para ver se lle sae outro traballo, que catro horas extraordinarias gratis e diarias é moito pedir, ainda que ninguén levante a voz, apertados todos pola hipoteca ou o simple medo á quedar sen nada, coma tantos. O rapaz traballa oito horas, e está contento. En Alemaña. Probablemente a rapaza tamén marche. Deixeinos alí, acabando de limpar e recoller, afacéndose, mal, a esas distancias, a esa sensación de que, canto máis preparado esteas, menos posibilidade tes de atopar un traballo decente, e volvín para casa, tratando de decidir se pagaba ou non a pena contalo. Entroume o sono, e pospuxen a decisión.
Agora, co día, e despois de oír as noticias da mañá, confeso que isto non é todo o que teño que dicir, pero paréceselle bastante.
Teñan bo dia.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s