Onte, nunha desas conversas que poden enfiar cara calqures, preguntáronme sobre as posibilidades do novo fenómeno político: esa organización chamada “Podemos”. A miña resposta, condicionada sen dúbida pola -escasa- experiencia política, levoume a dicir que unha cousa eran as alerxias europeas e outra escoller un futuro. Hoxe non estou tan seguro.
O primeiro que se me ocorreu foi que, para amosarse conservador -de dereitas ou de esquerdas- nunha cita electoral, o esencial é ter algo que conservar. Cunha quinta parte da poboación en paro, e un paro xuvenil (non sei que ten de xuvenil unha persoa de vintecinco anos, aínda que aos meus cincuenta tampouco me considere un vello) por riba do cincuenta por cento, cunhas perspectivas de conseguir emprego reducidas a contratos por horas, isto é: lixo e explotación pura, pretender que non haxa unha masa electoral disposta a apoiar unha maneira nova de facer as cousas, se se presenta medianamente ben, resulta -admito o meu erro- patético.
Os partidos que viñeron desempeñando os roles representativos nesta democracia formal que agora temos, hai tempo que deixaron de sintonizar coa realidade, imbuídos dunha fantasía recalcitrante: esa que os leva a crer que a corrupción é algo que so lles afecta aos demáis, e non unha herba que hai que arrincar decote. O problema é que a corrupción -algo que non afecta unicamente aos partidos políticos, senón a toda a sociedade, constituíndose case nun spanish way of life (quen non busca un amigo en calquera punto de atención sanitaria, por exemplo? E por algo se fai…) con ser o cancro que todo o corroe, non é o fundamental dos problemas, nin sequera algo que poida pensar en suprimirse da vida política sen cair na máis inicua das inxenuidades.
Modestamente, un pensa que o peor dos problemas diso que damos en chamar España é a alegre disposición a crer, con fervor relixioso, en calquera receita milagrosa, con tanto fervor como na maldade dos seus semellantes. Se a isto se engade un racismo cunha base histórica máis que definida, e unha tradición histórica de despoxo do sinalado como culpable (xudeus, musulmáns, curas, rojos, inmigrantes -que un naceu panameño e sabe de que vai a cousa- etcétera…) ver o dedo de podemos descubrindo un obxectivo, identificándoo como un grupo social, é culpabilizándoo de todos os males, é como para estarrecer. Porque tristemente, un é dos convencidos de que existe efectivamente unha casta, formada por todos os que teñen algún tipo de responsabilidade política, que vive nunha especie de hipermundo, desconectado da realidade grazas a que a financiación dos partidos e grande parte da actividade económica depende do orzamento do estado e das rapañotas diversas que vaian aparecendo -nuns casos máis que noutros, pero non hai casa sen garavanzo negro, nin a haberá- bastante minguadas coa caída da construcción.
Persoalmente resúltame imposible crer en receitas milagrosas como a renda básica universal, pero recoñece que nestas circunstancias é unha bandeira pirata con bastante atractivo. E esa idea dos círculos, demo, que simple. Case lle entra a un gana de enrolarse. O malo é que os piratas, xa se sabe: preferimos ir por libre.