A granxa
A mañá tiña a mesma cara que todas as anteriores. Mirando pola fiestra comprobou que o inverno quería seguir durmindo sobre os campos, condenando ás flores a un silencio que xa se esparexía sobre cinco meses. A neve cubrira os campos desde antes dos Santos, e ata ben entrado marzo a penas conseguiran saír da casa dous ou tres días, e para iso non moito tempo, que o aire cortaba como unha navalla. Os animais comezaban a dar mostras de inquedanza, e lembrou o inverno do 46, cando as vacas se puxeran tolas coa sede dous días antes de que remataran as xeadas, que aquel ano causaran unha seca responsable da aniquilación de case un terzo da facenda. Este ano a auga non fora problema –o xerador seguía funcionando coa reserva de gas que adquirira grazas á venda dunha extraordinaria colleita de cogomelos- pero a herba seca estaba empezando a esgotarse, e tivera que racionar o seu consumo ata límites que nunca crera necesarios. Vía enfraquecer o gando e preguntábase se sería certa a lenda que correra pola rede o ano 47, a lenda que dicía que aquel ataque de insania no gando debérase á inoculación dun virus ao traveso do subministro de auga, mediante nanopartículas enviadas pola condución do subministro, aquel ano no que a colleita de cereal fora tamén escasa e o goberno precisaba unha fonte barata de proteína para alimentar aos desherdados que se amoreaban nas portas da cidade, ameazándoa.
2 respostas a “sombras”
Vai ser un relato por entregas?
Por entregas vai ser. A día de hoxe non sei nin cantas nin de canto en canto tempo. A ver para canto me dá o fío e a cabesiña.