O futuro

Quizais sexa absurdo, nun día de choiva, no mes de maio, cun inverno que se prolonga demais, pensar no futuro. Tal vez sexa inevitable adoptar unha perspectiva desoladora: non axuda comprobar que, cada día que pasa, a impericia dos gobernantes decae expoñencialmente cara o límite da simple estulticia. A nova lei de educación é un exemplo de cómo un imbécil pode permitirse debuxar o futuro, e como a única esperanza é intentar, desde xa, poñer os medios para sobrevivir ao desastre que se aveciña.

O peor do asunto é comprobar que, unha vez máis, os únicos aspectos nos que se incide son os puramente políticos: aqueles aspectos da educación onde o que prima é a consecución de adeptos ás propias conviccións, e como, máis unha vez, feita a lei, feita a trampa. Porque a tan cacarexada “reválida” non é máis que un parapeto social desa caste de novos ricos ben amarrados nas poltronas, emperrados en deixar en herdo para os seus malcriados cativos a posición social adquirida. O feito de que o 70% da nota veña do promedio das materias escolares, tal e como anda o patio, o que vai conseguir é incrementar a presión sobre o profesorado para inchar as cualificacións co fumo da mentira, mentres a lei e a administración seguen a consentir o absentismo –sempre que non haxa violencia polo medio- a irresponsabilidade e a falacia do “currículo oculto”, impulsando a aculturación, adoptando medidas abstrusas que permiten situacións cando menos irracionais, como ese fomento da introdución da lingua inglesa como lingua vehicular da docencia en áreas específicas do currículo, confundido, unha vez máis, a forma e o fondo, a sustancia co accidente, a anécdota coa categoría …

Un, modestamente, é partidario do método finlandés: ese que lle bota o que hai que botarlle ao asunto. Se o seu fillo de “x” anos de idade, sen eiva ou dificultade de ningunha caste, durante o ensino obrigatorio, non fai o que debe, a matrícula, señores pais irresponsables, vailles saír do pelico. O método coreano – a vara- xa me atrae menos. Porque unha cousa é pedir responsabilidades e outra repartir culpas.

O malo é que a estas alturas xa sabemos en que merda de país nos queren facer vivir, e a desgraza é que á maioría parece que lle gorenta.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s