Día: 13 Maio 2013

Los desorientados

ImaxeHai tempo que Maalouf me atrae. Desde que lin a edición de Baldassare de Xerais, que me levou a “Leon el Africano” e agora veño de rematar esta novela que comecei con pouca gana e na que fun meténdome pouco a pouco, como quen lle entra a un botelo que se resiste pero acaba entusiasmando a pesar dos osos.

Narra o escritor libanés a peripecia dun grupo de colegas de universidade no periodo anterior á guerra no Líbano, guerra da que case todos os escollidos membros da gavela consiguen librar con maior ou menor fortuna, agás o que quedou no país que aparece como vítima irremediable da contenda e como pretexto narrativo .

A verdade é que empeza con lentitude, anímase despois das primeiras páxinas e o final resulta, como mínimo, sorprendente, aínda que un non sabe se cualificalo de lixeiramente decepcionante.

Especialmente indicado para maiores de idade en reconversión ideolóxica e exiliados interiores e exteriores de todas as patrias (agás da que dea boa sombra, que di O’Rivas)

A pena

Sei que me mirades. Sinto os vosos ollos atravesándome as costas, coma coitelos silenciosos. Está tolo. Que ocorrencia! Pero… que fai? Escoito as vosas voces, pronunciadas as palabras co pano diante da boca, non vaia ser que se torza a palabra e caia no meu oído.
Eu víao pasar todos os días, di a nena pequena. Si, levaba un can, grande coma un mundo. Puntual, coma todos os días, pensa a muller do balcón, a dos xeranios murchos e o home desaparecido no mar. A ela non lle estraña. Un home atado a unha pena. Nin sequera é unha pena: se tal fora non podería andar máis que ao seu redor. Acaso é así como ando: atado á miña pena. Non é acaso: é tal como ando. Levabamos tantos anos xuntos! Como había saír a esta hora sen o peso da súa angueira na man? Outros saloucan. A min non me can as bágoas. Aínda non. Aínda non.