Mes: Maio 2011

UN CRIME

Abriu o día e alí estaba. Sorprendido pola magnitude da derrota. A noite sorprendérao cunha descarga de alustros e pingadas de diverso calibre, cun bramido constante, como de animal ferido. Non deu pegado ollo. Revolvíase inquedo na cama, erguíase, abría a neveira, botaba un grolo, volvía meterse entre as sabas. O trono chamábao, ríndose. Volvíase erguer, marchaba ao salón, prendía a televisión, botaba unha carreira rápida, de canal en canal, buscando o que non podía atopar, ata apagar, aburrido, o trebello, e volver ao leito entre dous relampos. Envexaba a tranquila insistencia de aquel corpo, inerme, que respiraba tranquila e profundamente, mastigando un soño doce. A iso das tres sentiu un ruído na escaleira: pasos dubitativos e risas apagadas, o martelar amortecido dun par de tacóns, máis risas apagadas entre o gorgolexar da choiva nas fochacas do patio traseiro, e un berriño escaso seguido dun concerto de suspiros. Despois abriuse paso a canción dun serrucho a través das paredes, interrompido bruscamente. Co lombo dobrado polo peso dunhas páxinas soporíferas escoitou outro golpe, como dun corpo que cae da cama, o suave esfregar de roupa contra madeira: pés de lá camiño do baño? Unha porta que renxe e o balbordo do ascensor camiño do piso de arriba. A maquinaria do elevador volveuse por en marcha, e, coa luz apagada, botou un ollo á rúa baleira, buscando entre aquela cortina de auga o rastro dun perfume, unha silueta que recortar para un album de olvidos, calquera mínimo detalle para pegar no insomnio. Non o atopou. Case podía verse o abrente rañando a negrura cando pechou a porta da cociña, abriu a ventá e amarrado á desesperación cometeu o mesmo crime, unha vez máis. Deulle á roda do isqueiro e prendeu o cigarro, botando o fumo fóra. Non aguantara dous días. Dous miserables días e unha triste noite, díxose, mentres subía pola avenida un fragor azul que lle entalou o corpo ao deterse no portal e incendiar a madrugada cun timbrazo obsesivo.

EN ESPERA DE DESTINO

A estas alturas debería un ter decidido a quen votar nas próximas eleccións municipais. Pero a verdade é que as alternativas non ofrecen ningunha garantía. Dunha banda, o alcalde actual, o señor Francisco Rodríguez, despois de catro anos de mandato, caracterizados pola inercia e a atonía, dinos que ten un “Proxecto de Cidade”. Vanme perdoar se desconfío de quen, despois de ter gobernado catro anos, descubre agora que ten un proxecto. Outra cousa son as características do proxecto: tranvía e estación monumental, dúas idiotices que seguen a estela do non feito nos últimos anos. O transporte público non precisa un novo medio: precisa simplemente unha xestión eficaz, unha puntualidade imprescindible sostida durante un longo período, e uns prezos razoables que permitan o seu emprego masivo. O resto é gana de bailar. En canto ao proxecto Fosteriano de estación de ferrocarril, que queren que lles diga? Están os tempos como para gastar o diñeiro en lambonadas.

Dos seus socios de goberno, o peor que pode dicirse e que cargan coa peor das culpas: a sospeita de que a súa xestión económica non é excesivamente transparente. Inxusto, moi probablemente, pero a inxenuidade non é un delito admisible nesta lea. E o tan mediáticamente castigado afán de protagonismo das anteriores tenencias de alcaldía, deixou paso a un silencio tan absurdo como o cacarexo anterior. A súa actuación nas áreas culturais e festeiras tampouco ten sido especialmente relevante: máis ben unha xestión continuísta con pequenas modificacións folclorizantes, caracterizada pola imposibilidade de rendibilizar infraestruturas sobredimensionadas ás demandas da cidade, e sen capacidade de crear contidos, ou unha xestión ilusionante deses espazos. Tamén a pamema do termalismo segue sen arrincar, e mira que lle teñen dado voltas.

Por último, a principal alternativa, o partido presuntamente popular, é o principal responsable –pero non o único: digo eu que algo se podería ter feito nos catro anos anteriores – de que a cidade se rexa a día de hoxe por unha norma urbanística de hai case trinta anos, que deixa no ar a legalidade das vivendas de moitos ourensáns. Que te mates a pagar a hipoteca dunha vivenda construída segundo o que resultou ser unha falsa legalidade é como para premialos co voto. E que a súa promesa sexa a capacidade de goberno dende o primeiro minuto case fai tremer a un, contemplando o que por tal entende o señor presidente da deputación con máis porteiros por porta cadrada do universo, combinado isto coas declaracións de máis dun membro do mesmo partido sobre a presunta especial capacidade dos seus afiliados e simpatizantes sobre os simples cidadáns, arrogancia sen medida e soberbia sen castigo, que honra esa gloriosa tradición local que sostén: no seu sitio, eu faría o mesmo.

Din que un pobo ten os gobernantes que merece. Tal vez. Eu, mañá, igual baixo á Praza Maior. Tal vez alí non haxa alternativa. Pero, cando menos, hai vida. E onde hai vida hai esperanza, seica.