Levantouse do sofá, o corpo pesado despois de xantar, torpe despois dun espertar violento, provocado polo fungar incansable do teléfono. Andou uns pasos para achegarse ao móbil, e case o guinda pola fiestra, pero recoñeceu o número: ademais de catro chamadas había unha mensaxe, e na mensaxe unha cita inevitable. Picou un botón e quedou, agora, á espera, esfregando os ollos, pitoños, con dorso dunha man na que lle pesaba aínda o sono. A falta de resposta empuxouno a escribir dúas palabras:
– Vémonos alí.
Dúas palabras que puxo a galopar nas moléculas de aire, mentres metía o corpo debaixo dunha ducha de auga quente, esperando que coa suor marchara a galbana. A calor, lonxe de alivialo, apertoulle a alma contra o corpo, como unha camisa con dúas tallas menos. Pasou a maquinilla pola cara, nun intento de aseo que non lavou a cinsa que lle atoaba as arterias, pero por fin a vontade impúxose, vestiu o traxe, apañou a carteira e as chaves do coche e colleu un camiño que levaba anos sen percorrer. Faltaban aínda dúas horas para a cita, así que puido abrir a casa, respirar o perfume da saudade que alagaba o corredor e calcular se podería facer outro traxe coas teas de araña donas de cada recanto. O cuarto do fondo estaba escuro. Abriu unha contra, e a luz bateu naqueles ollos con furia, antes de esparexer polo cuarto a realidade, negada velozmente polas lembranzas que acudían vertixinosas. Durmira alí, e alí deixara o alento unha tarde de inverno coma esa, preñada de tronos e saragaña. El estaba lonxe, e non puidera volver a tempo para a última despedida. Cando pensou que xa non podería conter as lágrimas sentiu renxer a porta, apertou a pena nun puño e saudou á familia que lle quedaba.
A ceremonia foi rápida, presidida polo balbordo da xente que quedara fóra, atrapada entre as pequenas dimensións da Igrexa e o apego á vida social. Apertou mans, bicou rostros, e recibiu palabras que non conseguían furarlle o desasosego. Despois, antes de regresar á rutina, sentiu unha chamada, despediuse de todos, abriu a casa erma no lugar baleiro, foise á lareira e prendeu o lume, para queimar as bágoas que había un ano que tiña atravesadas.