Pere Tobaruela, nacido en Barcelona en 1965, é licenciado en Xeografía e Historia, e autor dunha obra extensa en catalán, e esta é a súa primeira novela galega, que non o seu primeiro libro galego, pois xa tiña publicado con anterioridade a escolma de contos “Con ollos de neno”.
Citamos a formación do autor porque esta reflíctese no rigor na preparación dos escenarios, na posta en antecedentes ao lector das situación na que a acción se desenvolve, formando parte dunha “mise en scene” verdadeiramente completa e que non pesa na narración, ao contrario: esta vaise integrando na paisaxe formada pola minuciosa descrición dos territorios africanos e das querelas e guerras que azoutan a rexión, as etnias que conforman os diversos territorios –tan penosa como interesadamente incluídos en fronteiras trazadas a tiralíneas por uns colonizadores que a penas deixan lugar a outras palabras que ignorancia e vil explotación- e as súas rivalidades, ancestrais ou recentemente atizadas polos intereses económicos das potencias do mundo desenvolvido.
Sobre esta paisaxe, a trama aparentemente inxenua dun estudante que gaña unha viaxe para coñecer a Dianne Fossey e aos seus gorilas habitantes da néboa das montañas Virunga –quedará ainda algún?- desliza cunha solidez que vai gañando forza nos curtos capítulos nos que se divide a historia, unha lixeireza das divisións que tamén contribúe notablemente a unha lectura moi cómoda do texto.
O non tan previsible final non evita os achados dramáticos da historia, que van acelerando a trama e que presentan con crueza certa unha realidade que, tal vez, estamos demasiado afeitos a esquecer.