Un pito

Humphrey Bogart tivo que prender un pito para aguantar aquel terremoto que se lle viña enriba, a boca chea de fume encheuse de carmín, e pouco despois fixo memoria: aínda podía asubiar. O home, co cigarrillo entre dous dedos dunha man agarrada ao volante, asubiou, preguntándose canto tempo tardaría a autoridade gobernativa en prohibirlle asubiar, á vista do pracer que lle proporcionaba. En realidade, asubiar podía tomarse como un aceno machista: abondaba que pasase o bastante cerca a feminista axeitada. Tamén podía superar os decibelios permitidos, se se facía pola noite, en chegando á casa, rebentado, a faldra da camisa botándose fóra do pantalón, e descamisado e pitoño entrabas na felicidade do ascensor disposto a entregarte a un baño quente e unha pizza fría. Era tamén síntoma de pouco xuízo –máis dunha vez escoitara á súa nai dicirlle que parecía un manolito, e sempre quixo encontrar no dicionario esa acepción da palabra, pero iso si que era un caso para Sam Spade- e un vidroso sinal de pertenza as clases proletarias: a xente ben educada non facía moxigangas.

Á dereita, na terraza da cafetería, catro rapaces buscaban sitio debaixo dunha manta, amarrados ao fumo, desertores das atmósferas limpas. En fronte, como comprobou ao volver a cabeza, a porta doutro bar acubillaba outros tres corpos arreguizados, sostendo o costume, compartindo a calidade de expulsados do círculo máxico da pureza pulmonar. O home pegoulle outra calada ao cigarro, botándolle un ollo á luz vermella instalada naquel ollo redondo.

– Igual me ten aquí parado por fumar …- pensou, cunha triste retranca.

Houbo un tempo no que un home era rei na súa casa. Agora un fillo podíate denunciar se fumabas diante súa. Humphrey asubiaba cun cigarro entre os dedos despois de rexeitar os cartos de Lauren. Pero el so puido, mentres o semáforo desfacía aquel instante, arrebolar a cabicha contra o chan e pegar a asubiar “as times goes by“

P.S. http://www.youtube.com/watch?v=0V2y3diQBLQ

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s