Día: 30 Xaneiro 2011

A vila das ánimas

Jorge Emilio Bóveda, a piques de sacar un novo libro, ofrecíanos esta Vila das Ánimas alá pola caída do verán, e un, que ultimamente ten o vicio de simultanear lecturas varias, foi entrando na trama con vagar, ata acabar a lectura nunha tarde de inverno máis ben fea e gris, que resultou máis leve co último bocado a estas páxinas.

clip_image001A novela ten un punto caneiriano, ou dous: a influencia de Caneiro é ben visible en xiros, expresións e formalismos, e nun certo aire sentimental que preside toda a narración, un conto no que se parte da desavenencia expresa entre dous mundos –ou máis ben no desprezo evidente dun por parte do outro- para facer unha parábola do sentido da existencia. A mestura da realidade e do imaxinario, do rural e do urbano, do vital e do ultravital (aquilo que poida haber alén da vida, e a súa máis que posible conexión con esta, enredada na trama dos afectos) compoñen un relato atraente, cunha derta disharmonía rítimica: a novela avanza a arrempuxóns, cunha serie de dentes de serra cataclísmicos que levan ao lector ben enredado, cunha trama ben montada e bastante divertida, e personaxes definidos a trazos de sal gordo que encaixan perfectamente no ritmo e nas intencións do autor, que non deixa de sorprendernos ata a última páxina.