Camba

 

Sempre quixen ir a Camba. Hoxe fun. A néboa mordíalle o lombo á serra, por riba de Carfiel, e a neve, esa amiga branca, esmorecía na devasa que sobe desde o Burgo ao alto da serra. O pai falaba: Montemiau esta alá embaixo –dicía, mentres eu lle botaba un ollo ás pedras. Ou: esta foi unha abadía de moito nome. Admirábame dos contrafortes oblicuos, nos ángulos da planta, que aínda sosteñen a igrexa. Pola cara do nacente, no cima, onde o voadizo esgaza, había cañotos de edras secas, froito dunha limpeza incompleta. Por baixo da igrexa queda o esqueleto dunha casa pacega “Esta foi a habitación que viñemos arreglar, que chovía nela” . Pode admirarse o arco, aínda revestido coa cal de saberá o demo que ano. Un arco perfecto nunha parede que debe ter un metro de groso. Mirando a fachada vense tres tipos de cachotería, separados por regañas de un dedo. A fiestra do arco xa foi máis grande do que alí se vía, ou nin sequera era unha fiestra, senón unha porta a un recinto perdido. Abundan no lugar as paredes en pico, ocultas polos sangovinos (a botánica non é o meu forte) ou algo similar, e carballos novos. “Os tellados tiñan, por riba das latas, unha capa de area e outra de barro, e despois aínda outras táboas para soster as tellas”. Na porta da igrexa nova está marcada a data na que se edificou e quen era o abade. “ Había unha parede chea de libros, quen sabe onde van!” Porque San Juan de Camba foi mosteiro. “Buscade ben, que nestas paredes hai un tesouro -dicíanos o capataz-e o que encontre cada un é para el”. Cenobio fundando por San Fructuoso, alá polo século VII despois de Cristo, pouco se recoñece nas paredes cubertas de vexetación do que puido ser aquel cenobio: “estas eran terras do condiño” di o pai, e de volta para Caldelas, cruzando as Laguiñas: “… como vivía esta xente, sin unha horta sequera …”. San Frutuoso, foi o pai do monacato hispánico, moi anterior á entrada da orde de Cluny, e algunhas fontes indican que a regra monástica por el establecida era dunha severidade extrema. O día é frío, e os pés húmidos queren parar no Castro, a quentar o corpo cun café e unha miga de bica. A historia, case sempre, é amarga coma fel. A Historia non, pero hoxe non falamos de contos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s